Deputación de Lugo

Llano desmantela as 'novas mentiras' do Alcalde de Cervo para 'ocultar os recortes e a mala xestión do PP'

Imaxe deputación de lugo
O Goberno Central suprimiu o convenio dos telecentro, e “agora Villares bota balóns fóra, culpando a outras administracións dos recortes e mala xestión do Partido Popular”Tras rexeitar todas as iniciativas gratuítas da Deputación para o aforro de gastos enerxéticos, “o Rexedor tenta exculparse antes os seus veciños por pagar outras iniciativas”

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, desmantelou este venres as “novas mentiras” do Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quen asegurou, por unha banda, que a institución luguesa deixou sen Internet o telecentro deste municipio. Llano aclarou que este servizo prestábase mediante un convenio entre Deputacións, Concellos e Ministerio de Medio Ambiente, que o Goberno Central de Rajoy suprimiu. “Villares bota balóns fóra, culpando a outras administracións dos recortes e mala xestión dos seus compañeiros do Partido Popular”, salientou o Deputado.

“En contraposición cos recortes dos PP”, destacou Llano, a Deputación dota ó Concello de Cervo de acceso a banda longa, ó tempo que implanta a administración electrónica, ofrece formación in situ para o seu funcionamento, leva o equipamento enerxético necesario e mellora o seu portal web. Todo isto, a custe cero para ás arcas municipais, xa que a institución luguesa asume a totalidade dos custes, aforrando a este Concello 300.000 euros.

“Despilfarro de cartos públicos”

Ó respecto do “plan enerxético”, Llano subliñou que “tamén neste caso mente”. A Deputación ofreceu a todos os Concellos da provincia sumarse ó Club dos Renovables, para, en primeiro lugar, realizarlles auditorías enerxéticas a custe cero, aforrándolles os 10.000 euros que custarían no mercado, e, posteriormente, dotalos de novo equipamento enerxético para reducir as súas facturas pola luz ou o gas nun 20%. Malia sumarse en primeira instancia ó Club dos Renovables, Cervo non se sumou a ningún destas iniciativas. “Villares coñecía as vantaxes dos proxectos gratuítos da Deputación, porque así llas notificamos por carta. Nembargantes, preferiu pagar por outra plan da Xunta, e, agora, tenta exculparse ante os seus veciños polo innecesario despilfarro de cartos públicos”.

Ó respecto das praias, o Deputado lembrou que o Alcalde tampouco quixo adherirse á certificación medioambiental de areais, que garante continúas melloras nestes espazos coa ISO 14001, a pesares de que o organismo provincial asumiu a obtención deste distintivo, así como o seu mantemento, aforrando ós Concellos da Mariña que si aceptaron este plan case 100.000 euros.