Deputación de Lugo

Un curso amosa no Centro de Interpretación como elaborar ungüentos naturais a base de plantas comúns

Imaxe deputación de lugo
A Deputación oferta o curso de “Herbas Máxicas, fabricación de ungüentos” co que os participantes aprenderán a identificar e coñecer as aplicacións de plantas medicinais máis comúnsAínda se atopan dispoñibles as últimas prazas, das 40 prazas totais, na páxina web: www.deputacionlugo.org, cubrindo un pequeno formulario de inscrición

A Deputación de Lugo organiza o curso “Herbas Máxicas, fabricación de ungüentos” no Centro de Interpretación “Terras do Miño” os días 7 e 8 de setembro. Con este curso, a Deputación pretende proporcionar a formación necesaria ós participantes para poder identificar e coñecer as aplicacións de plantas medicinais máis comúns e manipulalas para obter preparados curativos e administralos, ante o cal un experto ensinará as pautas previas e repartirá o material para que os asistentes leven á práctica a teoría do curso. O obxectivo da Deputación é que ó finalizar o taller, os asistentes recoñezan as plantas máis comúns do noso ámbito, a súa relación co medio e a maneira de utilizalas con fins terapéuticos. O horario destas actividades será para tanto o sábado coma para o domingo de 11:00 a 14:00 horas.

Últimas prazas

O curso está programado para maiores de 18 anos, e ten unha oferta de 40 prazas, das cales aínda se atopan dispoñibles as últimas na páxina web: www.deputacionlugo.org. Os interesados poden inscribirse picando no enlace: “Actividades Medioambientais do Centro de Interpretación Terras do Miño”, onde se atopa o formulario que é preciso cubrir. Para máis información, pódese enviar un correo a und.medioambiente@deputaciónlugo.org, ou ben chamar ó teléfono 982227812.

Actividades para toda a familia

Ademais, neste mes de setembro, a Deputación ten organizadas máis actividades para toda a familia, como unha Gymkana Medioambiental, para os días 14 e 15 deste mes, ou como os obradoiros infantís de “Cociña Saudable”. Tamén, neste mes de setembro chegarán as conferencias de divulgación científica, os días 12 de setembro, na que o catedrático da Escola Universitaria de Formación do Profesorado, Uxío Otero, disertará sobre “Os valores educativos da natureza” e 26 de setembro, cando diversos poñentes falarán acerca dos “Valores e potencialidades da Reserva da Biosfera de Os Ancares lucenses”. Do mesmo xeito, continúa aberta a exposición “Pegadas para a terra”, que analiza o papel de diferentes colectivos e persoeiros en prol da defensa do medio ambiente e os dereitos humanos.