Deputación de Lugo

200 persoas participarán esta fin de semana nas actividades de Lugoteando que organiza a Deputación na capital

A iniciativa da institución provincial acadou un gran éxito de convocatoria ó completárense todas as prazas dispoñibles para esta fin de semana A Deputación cerra en Lugo a temporada estival con actividades acuáticas gratuítas na área recreativa Os RoblesOs asistentes poderán desfrutar de actividades como paddle surf, sea scooter, skates a motor ou as bolas acuáticas

A Deputación conseguiu un grande éxito de convocatoria coa súa iniciativa lúdica Lugoteando para a que se cubriron as 200 prazas dispoñibles para participar nas actividades esta fin de semana na capital da provincia.

Coas citas dos días 7 e 8 de setembro cérrase a tempada estival con actividades acuáticas gratuítas na Área Recreativa de Os Robles entre as 15:00 e as 20:00 horas. As persoas que xa están inscritas realizarán actividades como paddle surf, que consiste en desprazarse sobre unha táboa de surf axudándose dun remo; un simulador de surf, co que as persoas poden saber o que se sinte ó cabalgar sobre as olas; sea scooter, un motor con élice, que facilita mergullarse; skates a motor, patinetes acuáticos, pequenas embarcacións que se desprazan co pedaleo, ideais para os máis pequenos; canoas e bolas acuáticas. Esa iniciativa lúdica da Deputación percorreu durante todo o verán a xeografía da provincia levando esta oferta de ocio deseñada para nenos e familias a lugares como A Fonsagrada, O Incio, Monforte, Foz, Vilalba, entre outros e acadando en todas as citas un grande éxito de convocatoria.

O medio ambiente, xerador de riqueza

A Deputación aposta polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando é unha das actividades que organiza durante todo o ano, potenciado o turismo e o ocio medioambiental, e xerando riqueza. Esta é a 4º edición desta programación, que foi todo un éxito nas anteriores convocatorias grazas á participación de milleiros de persoas que desfrutaron das actividades e que contribuíron a impulsar establecementos lucenses de diferentes sectores (dende os de multiaventura ós da hostalería), mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación.