Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo renova o seu apoio ó sector primario colaborando un ano máis coas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

A Vicepresidenta Segunda presentou a 11ª edición das Xornadas organizadas por Seragro, que se celebrarán os días 14 e 15 de novembro na Facultade de Veterinaria do Campus de LugoMéndez destacou que esta colaboración é parte da aposta “firme e real” da institución provincial polo sector, cuxa mostra máis clara é “o 1º Centro Público de Recría de España”, operativo en 2015A asistencia ás xornadas, nas que participarán prestixiosos expertos procedentes de toda España e mesmo de Israel, é libre e gratuíta ata completar aforo

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polo presidente de Seragro, Rogelio Grille Barbeira; o veterinario de Seragro, Carlos Noya, e o técnico especialista en podoloxía desta Sociedade Agraria, Pedro Codesido, presentou nun acto que tivo lugar esta mañá no Salón de Actos de San Marcos as XI Xornadas Técnicas do Vacún de Leite, que se celebrarán os vindeiros días 14 e 15 de novembro na Facultade de Veterinaria de Lugo e nas que prestixiosos expertos procedentes de toda España e Israel analizarán dende diferentes puntos de vista a importancia do manexo das reses, tema central desta edición.

A Deputación mantén dende hai tempo unha estreita colaboración coa organización destas Xornadas que, segundo destacou Méndez “debe que ser interpretada como a materialización da aposta clara e decidida que a Deputación de Lugo mantén co agro, un dos piares fundamentais da economía da provincia”. Precisamente, a construción do primeiro Centro Público de Recría de España, que estará en marcha no 2015, xerando un volume de negocio de ata 3 millóns de euros, “permitindo ós gandeiros aforrar cartos e xerar novos ingresos é a mostra máis clara de que a nosa aposta é firme e real”

Pola súa banda, os responsables de Seragro quixeron agradecer a importante colaboración prestada pola Deputación de Lugo, que permite organizar un evento que congrega en Lugo a unha media de 700 persoas ó día. A Vicepresidenta tamén quixo felicitar a Seragro pola organización dunhas xornadas “de especial interese dos temas tratados e o prestixio dos profesionais participantes que son de proveito para todos, incluídas as administracións”

Programación das xornadas

Nesta ocasión, as Xornadas teñen como tema central o manexo do gando e para abordar este tema está prevista a participación de profesionais chegados de toda España e mesmo de Israel nas diferentes conferencias e mesas redondas que están programadas para os días 14 e 15 de novembro. Eva Mainau, investigadora do Servizo de Nutrición e Benestar Animal da Universidade Autónoma de Barcelona; Francisco José Ónega López, investigador do Laboratorio do Territorio da Escola Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo, ou Martín López e Noelia Mourazos, veterinarios do servizo de Calidade do Leite de Seragro, son algún dos reputados profesionais que abordarán aspectos como os mellores indicadores para a monitorización do pre e postparto; o manexo de vacas de alta produción; os mellores tratamentos podolóxicos ou os diferentes parámetros de definición do benestar animal.

Os asistentes tamén poderán escoitar de primeira man as experiencias postas en marcha e os resultados acadados noutros países, xa que está prevista a asistencia de Gabriel Adín, Director do Departamento de Gandería do Ministerio de Agricultura de Israel. Tamén está prevista a celebración dunha mesa redonda na que se reflexionará sobre o futuro que se lle presenta ó sector de cara ó 2020. A asistencia e libre e gratuíta, só limitada polo aforo do recinto, e malia que está pensada para profesionais do sector, veterinarios ou estudantes, nela poderá participar calquera persoa interesada.