Deputación de Lugo

20 emprendedores comezan a súa formación para a posta en marcha dos seus negocios nas Reservas da Biosfera

Son os participantes do primeiro curso do Campus de Emprendemento Sostible, que inclúe catro obradoiros gratuítos con formación e asesoramento práctico para un total de 80 persoasOs participantes coñecerán a viabilidade dos seus proxectos, recibirán asesoramento para a súa posta en marcha e coñecerán exitosas iniciativas en visitas a negocios consolidadosÚltimas prazas para o curso da próxima semana en Lugo e os que se impartirán no concello de Cervantes. Inscricións en www.deputacionlugo.org ou chamando ó 982-22-78-12

A Deputación pon en marcha o I Campus de Emprendemento Sostible, que inclúe catro obradoiros gratuítos con formación e asesoramento práctico para que 20 emprendedores desenvolvan os seus negocios en territorios das Reservas da Biosfera. Este luns, iniciouse o primeiro curso, no Centro de Interpretación Terras do Miño en Lugo, no que participan 20 persoas. Nas vindeiras semanas, desenvolveranse as restantes xornadas, nos Concellos de Lugo e Cervantes, quedando as últimas prazas libres en www.deputaciondelugo.org ou chamando ó teléfono 982- 22-78-12.

O proxecto enmárcase na aposta da Deputación pola cultura emprendedora como saída laboral, impulsando a creación de empresas no rural, creando postos de emprego e combatendo o despoboamento demográfico. Os participantes coñecerán a viabilidade dos seus proxectos e recibirán asesoramento técnico, económico, comercial ou medio ambiental para a súa posta en marcha. Ademais, compartirán a experiencia de emprendedores da provincia con exitosos negocios nas visitas que realizarán ós seus establecementos. O Campus tamén servirá de foro de encontro entre emprendedores e persoas concienzadas sobre o respecto ó medio ambiente.

Os participantes recibirán formación teórica durante os vindeiros días. O xoves visitarán na Comarca da Ulloa iniciativas de éxito que son exemplo de sostenibilidade e que destacan por comercializar produtos autóctonos de gran calidade, converténdose estas empresas nun revulsivo para a economía local. O I Campus de Emprendemento Sostible reúne a participantes de diverso perfil en canto a estudos e formación. Na súa maioría son mozos e mozas coa idea de desenvolver unha iniciativa baseada no medio natural como principal valor do seu negocio. Os asistentes ó curso pretenden montar a súa propia empresa agrícola, apícola ou hostaleira.

Últimas prazas

Dentro da iniciativa desenvolveranse as accións formativas tanto en Lugo como en Cervantes. Aínda quedan prazas libres para participar no curso que comezará a semana que ven en horario de 16:00 a 20:00 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño e nos que se desenvolverán no Concello de Cervantes a semana do 18 ó 21 en horario de 10:00 a 14:00 horas ou do 25 ó 28 de novembro entre as 16:00 e as 20:00 horas. Os interesados poden facer a súa solicitude, entrando en www.deputacionlugo.org ou chamando ó 982 227 812.