Deputación de Lugo

García Porto: 'Feijóo fixo que o paro aumentase en Lugo nun 25%, recortando o investimento en emprego en 200 millóns de euros'

Imaxe deputación de lugo
A Deputada destacou que hoxe hai 26.593 desempregados na provincia, cando no 2009 había 19.871. “Son 6.772 lucenses máis no paro dende que Feijóo está na Xunta”“É urxente que a Xunta de Galicia, administración galega coas competencias directas en materia de emprego, asuma, dunha vez por todas, o primeiro problema dos galegos: o paro”

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, subliñou este martes que “Feijóo fixo que o paro aumentase en Lugo nun 25% dende que está na Xunta porque recortou o investimento autonómico para emprego en 200 millóns de euros nos últimos cinco anos. Segundo datos do INEM, no 2009, había 19.871 lucenses no paro. Hoxe, hai 26.593. Son 6.772 lucenses máis no paro dende que Feijóo está na Xunta”.

García Porto fixo estas declaracións logo de coñecer que o número de desempregados na provincia aumentou nun 2,89% nun só mes, con 746 persoas máis enchendo a listaxe do paro con respecto a setembro.

“É urxente que a Xunta de Galicia, administración galega coas competencias directas en materia de emprego, asuma, dunha vez por todas, o primeiro problema dos galegos: o paro. Un problema, no que tamén dende esta administración, cun un orzamento 100 veces inferior ó da Xunta, queremos contribuír a solucionar. Por este motivo, temos en marcha 6 liñas anuais de creación de emprego directo e de calidade para 2.180 persoas”.

Precisamente, a Xunta de Goberno Provincial aprobou este luns un plan de emprego para a contratación, a través dos Concellos, de 80 lucenses no paro. A Deputación porá en marcha o Segundo Pacto Provincial polo Emprego, para a inserción laboral de 1.000 persoas nas profesións con máis futuro dentro do benestar social; o Fórmate en Verde, co que 900 persoas están a recibir formación práctica para a creación ou reconversión de empresas sobre agricultura e gandería ecolóxica, así como sobre o sector forestal; o convenio coa Escola de Organización Industrial, mediante o cal 50 persoas en paro converteranse en especialistas en innovación e darán asesoramento a 300 autónomos e PEMES da provincia; 70 bolsas Leonardo da Vinci para mozos lugueses en paro; ó tempo que financia, por primeira vez, os Grupos de Emerxencia Supramunicipal, que dan traballo a 80 persoas.