A Deputación esixe á Xunta que manteña o actual trazado do Camiño Norte
O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, adiantou este xoves que o Pleno Provincial debatirá unha proposta de alegacións á modificación do Camiño Norte de Santiago de Compostela Camiño da Costa-, elaborada dende o departamento que Santos Ramos dirixe, que esixe á Xunta que manteña o actual trazado. O Goberno galego modificou o Camiño sen un estudo de impacto económico e social, poñendo en perigo os establecementos e os centos de empregos que se crearon na súa contorna, para impoñer un Camiño sen lexitimidade histórica, subliñou.
Santos Ramos explicou que o 4 de setembro o DOGA publicou a resolución da Xunta, pola que se someteu a información pública a proposta de modificación do trazado actual do Camiño do Norte, ó longo da Etapa 31, ó seu paso polos Concellos de Begonte, Guitiriz e Friol. A iniciativa unilateral do Goberno galego supón importantes variacións respecto ó actual trazado, que é froito dun rigoroso estudo, que financiou e elaborou a Deputación de Lugo en 1991, e no que participaron prestixiosos historiadores, destacou. Precisamente, o actual trazado, realizado en base a dito estudo, foi asumido pola Xunta de Galicia e a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, someténdoo a exposición pública no 1997, e non recibiu alegación algunha.
Tras a proposta de modificación do Executivo autonómico, a Deputación recibiu solicitudes de 5 colectivos Asociacións de Amigos da Etapa 31; de Veciños de San Breixo; de Veciños das Negradas; e de Veciños de Montenegro de Baamonde-, ademais da do Concello de Friol, pedindo a colaboración do organismo provincial, e mostrando o seu rexeitamento. Tendo en conta esta resposta social, o Deputado avanzou que presentaremos alegacións sobre as modificacións que atinxen á Etapa 31, dende Baamonde á Sobrado, ó seu paso por Lugo
Modificacións
Sen lexitimidade histórica. A proposta da Xunta desmonta o estudo do 91 de recoñecidos historiadores, xa que apunta que a orixe deste Camiño é de comezos do século XVIII e principios do XIX, omitindo a influencia dos camiños medievais do século IX e do descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago.
Sen estudo de impacto económico e social. Na proposta non se contempla ningunha avaliación sobre o impacto económico, social e cultural que representaría para os cidadáns en xeral e, especialmente, para os prestadores de servizos e comerciantes das zonas afectadas, condenando ós negocios, ós empregos ou ás iniciativas emprendedores postas en marcha na contorna do actual trazado, cun futuro cando menos incerto ou á súa desaparición.
Begonte, Guitiriz e Friol
Coa modificación do Camiño promovida pola Xunta no Concello de Begonte, ó seu paso por Baamonde, os peregrinos deixarán de pasar polo núcleo da vila, polo Albergue ou polo Castiñeiro Milenario, xa que serán derivados a un novo trazado, que non recollen as guías, sen sinalización e con zonas asolagadas, poñéndoos en risco.
Tampouco aparecerán nas guías do Camiño os trazados do Camiño ó seu paso por Friol e Guitiriz, afectando, principalmente, a 6 parroquias friolesas (Seixón, Miraz, Anxeriz, Anafreita, San Mamede de Nodar e Silvela) e 2 parroquias guitiricenses ( Santa Leocadia e San Breixo). As máis de 20 actividades e servizos afincados nestes núcleos (locais de hostalería, turismo rural, comercios, albergues, centro de atención ó peregrinos..) veranse afectados. Trátanse de establecementos que xeran emprego e dinamizan a economía rural, facendo fronte á sangría demográfica.