Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolle a mostra Terra e Papel, unha reflexión de Fonso Castro sobre Cantares Gallegos

Regina Polín inaugurou a exposición que se compón de 20 obras nas que o autor emprega diferentes técnicas para homenaxear ó libro de Rosalía de Castro Na inauguración, a escritora Marica Campos recitou poemas e a artista Pilocha interpretou varias cancións para conmemorar o 150 aniversario da publicación do libro A exposición, poderase visitar ata o 30 de novembro, de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas e as fines de semana de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é gratuíta

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada polo artista lucense Fonso Castro, inaugurou este mércores a exposición Terra e Papel, que acolle a Capela de Santa María. Esta mostra recolle pezas artísticas nas que o autor empregando técnicas moi diferentes constrúe esculturas, murais e outras obras que se inspiran no clásico da cultura galega Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Durante o acto de inauguración, que amenizaron a escritora Marica Campos e a cantante Pilocha, Regina Polín reiterou o apoio da Deputación ós novos artistas que contan coa Capela de Santa María, un espazo de referencia en Lugo, para expoñer as súas creacións. A institución provincial, insistiu a Deputada, cumpre cun dobre obxectivo, axudando a novos creadores a darse a coñecer ó tempo que amosa á poboación as posibilidades da arte na provincia. “Os lucenses merecen coñecer o traballo dos seus artistas”, sentenciou.

Barro, papel e outros materiais

Na exposición Terra e papel, Fonso Castro fai unha reflexión sobre os novos usos que se lle confiren ó papel na era das novas tecnoloxías. Para elo emprega barro, poliéster, madeira e outros materiais para construír instalacións artísticas como murais, maletas con libros no seu interior ou esculturas nas que sempre está presente a obra de Rosalía de Castro. Entre as pezas que se poden ver na exposición atopamos un mural con libros feitos en barro, unha escultura en madeira de castiñeiro e papel impreso polimerizado, ou libros encadernados con técnicas antigas e con decoracións contemporáneas, entre outras.

A mostra Terra e papel permanecerá aberta en horario de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. As fines de semana o horario é de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Poderase visitar ata o 30 de novembro e a entrada é libre e gratuíta.