Deputación de Lugo

A Deputación volve estar presente no San Froilán catalán, o máis solidario dos últimos anos

A Vicepresidenta Segunda participou nos actos do domingo en conmemoración do Patrón de Lugo que organiza, dende hai 19 anos, a Asociación de Amigos do San FroilánA Asociación recibe, coas medallas das cidades, o agradecemento das dúas comunidades que vincula a través dos festexos que organiza cada ano no distrito de Nou BarrisA celebración, que reúne a unhas 50.000 persoas, tamén serviu para xuntar tapóns nunha iniciativa solidaria para axudar á pequena lucense Uxía

A Deputación volveu apoiar os actos do último día do San Froilán de Barcelona que organizan dende hai 19 anos a Asociación de Amigos do San Froilán, no distrito de Nou Barris. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, participou na celebración en conmemoración do Patrón da cidade de Lugo, uns actos que “serven de vínculo entre as dúas cidades e de exemplo de confraternidade entre os pobos”. Lara Méndez felicitou ós organizadores que cada ano conseguen reunir unhas 50.000 persoas empregando como reclamo a música e a gastronomía galega. A Vicepresidenta recalcou que “deste xeito, aínda que a moitos quilómetros de distancia, a Asociación Amigos do San Froilán, pon en valor a riqueza lucense, xerando novas oportunidades socieconómicas para a provincia”.

A Deputación recoñece, deste xeito, o labor da asociación que tamén acadou a Medalla de Ouro da Cidade de Lugo e que recibirá o vindeiro 26 de novembro a Medalla de Honra da Cidade de Barcelona. Os festexos do San Froilán catalán xurdiron cando un grupo de empresarios lucenses quixeron traer o espírito das festas tradicionais ata Barcelona. Dende entón, esta festa recupera o estilo popular con música galega, casetas de polbo, sesión vermú ou a procesión do domingo. Na cita participan miles de persoas e se celebra no lugar de residencia de máis de 150.000 galegos afincados en Barcelona: Nou Barris. Na cidade Condal contabilízanse máis de 300.000 galegos. O San Froilán catalán é a segunda festa máis importante de Barcelona, despois dos festexos da Merced. Por este motivo, todos os anos acoden personalidades da vida política, cultural e social catalana. Son, ademais, unhas festas privilexiadas na cidade, xa que teñen o permiso das autoridades para que se poidan celebrar no propio barrio, modificando notablemente o ritmo diario.

Iniciativa solidaria

A Deputación comparte varios obxectivos coa Asociación de Amigos do San Froilán de Nou Barris. O traballo da Asociación serve para estreitar vínculos entre as comunidades galega e catalana, pero tamén para desenvolver iniciativas solidarias. Os Amigos do San Froilán conseguiron reunir dúas toneladas de tapóns para axudar á pequena lucense Uxía, cantidade que aumentará xa que durante os festexos tamén recolleron este material.