Deputación de Lugo

Arrincan novos cursos de artesanía do Centro de Artesanía e Deseño en Lugo, Becerreá e Navia de Suarna

O CENTRAD, o Centro Social de Becerreá e a Escola de Barcia acollen dende hoxe un total de oito cursos de construción de zanfonas, escultura, téxtil, tapicería, coiro e cestaría, coas tantas prazas dispoñibles cubertasMañá darán comezo “Decora a túa roupa con pedrería” e “Tecendo en tear de baixo lizo”, que se desenvolverán en Lugo e Lourenzá

A Deputación pon hoxe en marcha oito novos cursos de artesanía, enmarcados na programación da segunda tempada 2013 do Centro de Artesanía e Deseño, e que se desenvolverán nos Concellos de Lugo, Becerreá e Navia de Suarna. Todos estes cursos comezan coa totalidade das prazas dispoñibles cubertas, o que confirma o interese dos lucenses por aprender tanto as técnicas propias dos oficios tradicionais da provincia coma outras máis innovadoras. Este dato confirma o interese dos lucenses nesta tradicional programación didáctica, froito da aposta da institución provincial por potenciar a tódolos niveis un sector artesanal que, ó igual que a economía vencellada ós produtos autóctonos, supón unha oportunidade económica de primeiro nivel para a provincia que non se pode desaproveitar,

Nos pavillóns do CENTRAD, ubicados na capital lucense, desenvolveranse os seguintes cursos, nos que participan un total de 70 alumnos: “Construción de zanfona”, unha das novidades máis destacadas desta tempada; “Arranxa as túas prendas”; “Escultura en cerámica”; “Tecendo en tear de baixo lizo”, e “Iniciación á tapicería”. Outro dos cursos que comezan hoxe en Lugo, “Cestaría de vimbio. Cesta dos cogomelos”, farao no Centro de Cestaría do río Rato. Estas accións formativas celebraranse en horario de mañá, agás os de tapicería e cestaría, que terán horario de tarde.

Por outra banda, e dentro da intención da institución provincial de descentralizar a formación, de xeito que o maior número de lucenses posible poida aprender técnicas artesanais, Becerreá e Navia de Suarna tamén acollerán accións formativas, centradas neste caso no traballo con coiro e na cestaría, respectivamente. 10 participantes comezan hoxe “Iniciación ó coiro, que se celebrará no Centro Social de Becerreá dende hoxe e ata o vindeiro día 4 de novembro, os luns, mércores e venres de 16:00 a 20:00 horas.

“Iniciación á cestaría” terá lugar na Escola de Barcia, en Navia de Suarna, entre hoxe e o 25 de outubro, de luns a venres, de 16:00 a 20:00 horas. Tamén neste caso o curso arrinca coas 10 prazas dispoñibles cubertas.

Novos cursos en Lugo e Lourenzá

Outros dous cursos darán comezo mañá, en Lugo e en Lourenzá, e para os que tamén se cubriron todas as prazas previstas. “Decora a túa roupa con pedrería” celebrarase nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño na lucense Travesía da rúa Chantada ata o 19 de decembro, os martes e xoves de 10:00 a 12:00 horas. “Tecendo en tear de baixo lizo”, desenvolverase no Centro Social San Xurxo, de Lourenzá, os martes, mércores e xoves, de 20:00 a 23:00 horas, ata o 13 de novembro.