Deputación de Lugo

A Deputación mantén 225 empregos na Comarca de Sarria coa creación de dúas novas rutas medioambientais

Sonsoles López Izquierdo mantivo este luns unha xuntanza cos 31 autónomos e PEMES que participan gratis nesta iniciativa tras acadar as marcas de calidade Lug02 e LugoSabe As rutas na zona son : “Descubrindo o porco celta”, que percorre Sarria, Samos e O Incio; e “Amasando como antano”, que discorre por Portomarín, Paradela e Sarria En toda a provincia, a Deputación pon en marcha 13 novos roteiros, impulsando un total de 200 establecementos e mantendo 1.000 emprego co programa medioambiental Lug02

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, mantivo este luns en Sarria unha reunión con representantes de empresas da Comarca que, de xeito gratuíto, participan na posta en marcha de dúas novas rutas medioambientais que o organismo provincial leva á zona mediante o Lug02. Con esta iniciativa, a institución impulsa a 31 PEMES e autónomos de Sarria, cuxos establecementos acadaron as marcas de calidade da Deputación LugoSabe e Lug02, contribuíndo ó mantemento dos 225 empregos que xeran.

López Izquierdo salientou que “esta rutas forman parte da nosa aposta polo medio ambiente, a nosa oportunidade económica. Aproveitamos os recursos naturais da provincia para potenciar os negocios da zona, xerar emprego e facer fronte ó despoboamento demográfico”. Deste xeito, as rutas percorren lugares de interese, destacando en cada caso aspectos do patrimonio natural e gastronómico. Propoñen a visita a empresas produtoras, con degustación de produtos nalgúns casos; a realización de actividades de aventura; a estancia en hoteis ou comidas en restaurantes, entre outras alternativas.

Na Comarca sarriana, as rutas son as seguintes:

- “Descubrindo o porco celta”, é unha ruta gastronómica ó redor dunha das razas autóctonas máis importantes e de maior crecemento no sector gandeiro da provincia. Percorre os municipios de Sarria, Samos e O Incio. No seu percorrido involucra a 6 aloxamentos, 5 restaurantes e 4 produtores. Propón a visita a 6 lugares de interese como o miradoiro natural da Mesa dos Catro Cabaleiros, a Cova das Choias ou o manancial de augas ferruminosas en A Ferreira.

- “Amasando como antano”, é unha ruta sobre a panadería artesanal e percorre os municipios de Portomarín, Paradela e Sarria, destacando as calidades gastronómicas dos produtos tradicionais. Involucra no seu percorrido a 8 aloxamentos, 11 restaurantes, 4 produtores e unha empresa que oferta rutas a cabalo, en bicicleta ou en quad para coñecer a zona. Son 18 empresas que dan traballo a 126 persoas. Entre os lugares de interese que propón visitar destaca o Museo Etnográfico do Pan, a Escalinata das Neves e o embalse de Belesar en Portomarín.

13 novas rutas na provincia

En toda a provincia, son 13 os roteiros creados pola Deputación que destacan, en cada caso, os produtos autóctonos propios de cada zona e a súa riqueza natural e patrimonial. Nestes días, responsables da iniciativa, están a manter reunións coas empresas involucradas. As rutas programadas son 7 gastronómicas, 3 de turismo activo e outras 3 enoturísticas.

As empresas que contan cos selos Lug02 e LugoSabe tiveron que superar unha rigorosa auditoría para obter, de maneira totalmente gratuíta, estes distintivos de calidade. O organismo provincial ofreceulles estar amparados por esta marca a todos os establecementos e empresas produtoras da provincia, co obxectivo de mellorar a competitividade e o posicionamento no mercado. As entidades cos selos da Deputación teñen garantido novas vendas e, polo tanto, máis beneficios xa que, dentro do proxecto Lug02, o organismo provincial desenvolve varias iniciativas, como a creación destas rutas, a promoción en feiras e eventos, campañas divulgativas e a plataforma de comercio electrónico da Deputación, www.losproductosdelugo.com, onde contan cun apartado específico para a venta electrónica.