Deputación de Lugo

A Deputación impulsa unha nova edición da Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova

Lara Méndez e Francisco Martínez presentaron a cita que chega á súa 7ª edición e que se celebrará na pontenovesa Praza dos Fornos os días 6, 7 e 8 de decembroO organismo provincial colabora con esta cita que supón un importante revulsivo económico para toda a zona achegando miles de persoas que fan as súas compras na vilaParticiparán 30 artesáns e 25 postos de antigüidades, haberá tamén exhibicións en vivo de traballos de tear, forxa, escultura en madeira e xoguetes de trapo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o concelleiro de Cultura pontenovés Francisco Martínez presentaron esta mañá a VII Feira da Artesanía, Mobles e Antigüidades da Pontenova, que terá lugar entre os días 6 e 8 de decembro nesta localidade mariñana e que conta coa colaboración económica da institución provincial.

Lara Méndez destacou que este evento “é un importante revulsivo para a economía desta localidade, así como para as limítrofes, xa que son moitos os que acoden á cita a mercar agasallos de Nadal o que demostra o recoñecemento dos clientes polos produtos artesáns e de calidade”. Ademais, destacou a Vicepresidenta Segunda, “a feira contribúe a poñer en valor factores de dinamización do rural, coma os oficios tradicionais, que permiten abrir vías de crecemento económico e fixación de poboación”.

Pola súa banda, Francisco Martínez quixo agradecer “o apoio económico da Deputación de Lugo, sen o que sería imposible organizar esta Feira” e destacou que “xa é unha feira consolidada e así o amosan esas 8.000 persoas que veñen acudindo á Pontenova edición tras edición ou o feito de que haxa lista de espera entre os anticuarios para participar”.

Programa de actos

A feira é totalmente gratuíta tanto para os profesionais participantes coma para os asistentes. Abrirá as súas portas na Praza dos Fornos o venres 6 de decembro, ás 11:00 horas e permanecerá aberta ata as 20:00 horas. O sábado e o domingo o horario será de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.

Este ano estarán 30 artesáns chegados de toda España cunha variada oferta de produtos como cesteiros, barro, carpinteiros, complementos en tea, xoieiros ou coiro, entre outros. Ademais haberá 25 expositores de antigüidades desprazados dende toda Galicia, así como de Andalucía, Cataluña, Asturias e Castela León.

O programa complétase con demostracións en vivo do traballo dun ferreiro, un tecelán, un escultor en madeira e de confección de bonecas de trapo. Os restaurantes da vila colaboran coa iniciativa ofertando menús especiais para este día a un prezo de 12 euros.