Deputación de Lugo

A Deputación continúa a formación para emprendedores cun novo curso do I Campus de Emprendemento Sostible

Imaxe deputación de lugo
Este luns comezou o segundo curso que se imparte no Centro de Interpretación Terras do Miño e no que participan 20 persoas interesadas en desenvolver negocios nas Reservas da Biosfera lucensesOs participantes coñecerán a viabilidade dos seus proxectos, recibirán asesoramento para a súa posta en marcha e coñecerán exitosas iniciativas en visitas a negocios consolidadosÚltimas prazas para as dúas edicións que se celebrarán en Cervantes nas próximas semanas para 40 participantes. Inscricións en www.deputacionlugo.org ou chamando ó 982-22-78-12

Este luns comezou o segundo curso do I Campus de Emprendemento Sostible, que pon en marcha a Deputación para impulsar o desenvolvemento de iniciativas económicas nos territorios Reserva da Biosfera da provincia. As sesións desenvólvense en horario de tarde no Centro de Interpretación Terras do Miño e inclúen, de xeito completamente gratuíto, formación e asesoramento práctico para que 20 emprendedores desenvolvan os seus negocios en territorios das Reservas da Biosfera.

O proxecto enmárcase na aposta da Deputación pola cultura emprendedora como saída laboral, impulsando a creación de empresas no rural, xerando postos de emprego e combatendo o despoboamento demográfico. Os participantes coñecerán a viabilidade dos seus proxectos e recibirán asesoramento técnico, económico, comercial ou medio ambiental para a súa posta en marcha. Ademais, compartirán a experiencia de emprendedores da provincia con exitosos negocios nas visitas que realizarán ós seus establecementos. O Campus tamén servirá de foro de encontro entre emprendedores e persoas concienzadas sobre o respecto ó medio ambiente.

Os participantes recibirán formación teórica durante os vindeiros días. O xoves visitarán na Comarca da Ulloa iniciativas de éxito que son exemplo de sostenibilidade e que destacan por comercializar produtos autóctonos de gran calidade, converténdose estas empresas nun revulsivo para a economía local.

Últimas prazas

As prazas para participar nos dous cursos celebrados en Lugo completáronse ó pouco de abrirse o prazo de inscrición. Aínda quedan prazas libres para participar nos cursos que terán lugar nas vindeiras semanas no Concello de Cervantes e que amosará as posibilidades de negocio na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses, e montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A primeira quenda desenvolverase dende o luns 18 ata o xoves 21 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 horas e a semana do 25 ó 28, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Os interesados poden facer a súa solicitude, entrando en www.deputacionlugo.org ou chamando ó 982 227 812.