Deputación de Lugo

Gómez Besteiro defende a posta en valor do rural como 'o noso reto colectivo de provincia e de país'

“Este reto precisa dunha xestión racional e eficaz que aproveite as capacidades produtivas reais. En caso contrario, os proxectos están condenados a morrer”, subliñou o Presidente durante as XI Xornadas Técnicas de Vacún de LeiteBesteiro instou á Xunta a implicarse co sector primario e destacou que “nós estamos comprometidos co medio rural, poñendo en marcha na provincia infraestruturas tan necesarias como o 1º centro de recría público de España”“Hai que dar un paso máis e apostar por un sector que quere reconvertirse en transformador para non depender da oscilación de prezos”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou as XI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, nun acto que tivo lugar hoxe na Facultade de Veterinaria do Campus lucense e no que participaron uns 700 profesionais e expertos do sector. Acompañado por Rogelio Grille, presidente de Seragro, e Germán Santamarina, decano da Facultade de Veterinaria, Gómez Besteiro defendeu na súa intervención a posta en valor do rural como “o noso reto colectivo de provincia e de país”.

O Presidente salientou que este reto pasa por unha “xestión racional e eficaz, que aproveite as capacidades produtivas reais”, citando como exemplo de xestión ineficaz a que rematou co peche de Alimentos Lácteos, “un final que xa aventurabamos no 2012”, porque non aproveitaba a capacidade real de produción da planta da que vivían 1.000 familias. “O que pasa cando se toman decisións con criterios puramente partidistas e en clave política é que se producen fracasos económicos”.

O máximo responsable provincial instou ó Goberno de Núñez Feijóo a “implicarse co sector primario e destacou o compromiso que a Deputación de Lugo mantén hai tempo co rural, “poñendo en marcha na provincia infraestruturas tan necesarias como o 1º centro de recría público de España”. O organismo provincial está investindo en solitario 12 millóns de euros nestas instalacións, que abrirán no 2015 con capacidade para duplicar toda a recría existente hoxe en Galicia. Será, ademais, un centro autosuficiente, capaz de xestionar o 100% dos seus residuos para transformalos en enerxía.

Máis apoio ó sector

A situación complicada do sector do leite, “cuxa rendabilidade depende en exceso da variación de prezos dos mercados”, engadiu Gómez Besteiro, é a que leva ós profesionais a demandar ás Administracións máis apoio e a creación de máis infraestruturas. É necesario, polo tanto, “dar un paso máis e apostar por un sector que quere reconvertirse en transformador para non depender da oscilación de prezos”.

O Presidente destacou que outros dos factores que dificultan o futuro das explotacións é, por exemplo, a incertidume ante a aplicación da nova Política Agraria Común (PAC). “Non saben quen negociou a PAC nin cal é o compromiso do Goberno central”, para evitar, por exemplo, o efecto negativo que terá para Galicia que na concesión das axudas comunitarias dependa do número de hectáreas posuídas.

“Se non temos unha reforma que permita que as explotacións gandeiras conten con máis hectáreas, teremos menos axudas e subvencións que outras rexións de España. Os nosos gandeiros deben ter a oportunidade de aumentar a base territorial das súas granxas”

Conferencias e debates

Tras o acto de inauguración deron comezo as conferencias, de acceso libre e gratuíto, que xiraron en torno a temas de interese para os gandeiros, como a monitorización do pre e postparto; o manexo e a alimentación de vacas de alta produción; as prácticas podolóxicas máis acertadas ou a avaliación do benestar animal nas granxas.

Os asistentes tamén puideron coñecer a experiencia de recría de xovencas en Israel, posto que as xornadas contaron coa participación de Gabriel Adin, director do departamento de gandeiría do Ministerio de Agricultura deste país. As conferencias e debates continuarán mañá, e contarán de novo coa participación de prestixiosos expertos en materias como a produción de forraxes, ou as experiencias particulares e modos de traballo nalgunhas Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) galegas. As xornadas rematarán coa celebración dunha mesa de debate, que analizará o futuro do sector lácteo de cara ó 2020, e o tradicional brinde do leite.