Deputación de Lugo

Máis de 100 alumnos de institutos lucenses homenaxean ó poeta Xosé Díaz Castro na Capela de Santa María

Regina Polín acompañounos na presentación do documental A lus do mundo, no que se reivindica a figura do poeta ó que se adicará o Día das Letras Galegas 2014Tras a proxección, os alumnos abriron un debate sobre a obra visionada, escenificaron composicións do poeta e presentaron os actos programados para o Ano Díaz Castro

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participou esta mañá na Capela de Santa María no acto de presentación do documental A lus do mundo, elaborado o curso pasado polos alumnos do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, como acto de reivindicación para que se lle adicara o Día das Letras Galegas no 2014, obxectivo finalmente acadado.

Máis de 130 rapaces que cursan estudos neste centro escolar -que estiveron acompañados hoxe por alumnos dos institutos Lucus Augusti e Xoán Montes da capital lucense-, foron os creadores desta peza, que contou coa participación da escritora Marica Campo e o especialista en Díaz Castro Alfonso Blanco, os que tamén estiveron presentes no acto, xunto coa directora do documental, Cristina de la Torre e a directora do IES, Olga Aguiar. Polín destacou o carácter especial desta ocasión, non só “porque hoxe a Capela sexa a casa de Díaz Castro, senón por contar coa presenza da mocidade de Guitiriz e de Lugo, que tanta sensibilidade amosan para valorar a cultura e a historia do Concello, que moitas veces os adultos non valoramos o suficiente”.

A realización deste documental é unha das moitas actividades que o IES Díaz Castro porá en marcha ó longo do vindeiro ano, no que ademais se celebra o centenario do nacemento do poeta que dá nome o instituto. Estas actividades inclúen a elaboración dunha unidade didáctica multidisciplinar; un roteiro por diferentes lugares do Concello de Guitiriz que lle serviron de inspiración ó poeta; a creación de varios temas cos que os alumnos porán música a diferentes poemas do autor ou a realización dunha cutametraxe sobre a súa obra e figura, no que os rapaces guitiricenses xa están a traballar nun obradoiro de audiovisual.