Deputación de Lugo

Vilalba acollerá este luns a derradeira masterclass da Deputación que estará dedicada ó capón

Imaxe deputación de lugo
O Restaurante Montero acollerá este luns unha xornada na que os participantes aprenderán a realizar un menú dedicado en exclusiva a este afamado produto da zonaAs masterclass forman parte da aposta da Deputación polo medio natural como xerador de recursos económicos e como oportunidade de futuro para a provincia150 chefs de toda a provincia coñeceron, con esta iniciativa, as virtudes gastronómicas de produtos autóctonos de calidade producidos e comercializados por empresas lucenses

A Deputación organiza este luns en Vilalba a derradeira das masterclass de cociña autóctona, coas que o organismo provincial impulsa os produtos autóctonos de calidade a través do programa europeo Lug02. A xornada desenvolverase no Restaurante Montero, a partir das 17:00 horas. Os 15 participantes aprenderán a preparar un menú que destacará a calidade do capón de Vilalba, afamado produto da Terra Chá.

O chef local Manuel Jesús Montero Cabanas amosará ós asistentes como sacarlle o máximo partido a este produto propio tamén desta época estival. O menú comprende pimentos de piquillo recheos de capón e capón de Vilalba recheo. Como en anteriores ocasións os produtos cos que se elaborarán os pratos son de empresas da zona. Neste caso Capóns Aurora subministrará as aves para os cociñeiros. Trátase dunha empresa que conta coa marca de calidade da Deputación LugoSabe.

Esta é a derradeira masterclass que se celebra este ano. Unha iniciativa na que participaron 150 chefs de toda a provincia que coñeceron da man de expertos os segredos culinarios dos produtos autóctonos lucenses. O organismo provincial celebrou clases de cociña autóctona en Monforte de Lemos, Chantada, Cervantes, O Valadouro, Viveiro, Foz, As Nogais e Sarria. En todas elas, empregáronse produtos propios de cada zona como, por exemplo, hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros.

A iniciativa enmárcase na aposta da Deputación polo medio natural, como oportunidade económica para a provincia. As masterclass melloran a comercialización dos produtos autóctonos ó amosarlles ós cociñeiros e hostaleiros todas as posibilidades gastronómicas dos alimentos propios da provincia. O organismo provincial desenvolve numerosas iniciativas, ó amparo do programa europeo Lug02, para impulsar os produtos autóctonos, como as marcas de calidade LugoSabe e Lug02, ou a primeira plataforma de comercio electrónico da provincia (www.losproductosdelugo.com) creada pola Deputación co fin de xerar imaxe de marca e abrir novas canles de comercialización para PEMES e autónomos lucenses.