Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoia a ofensiva do sector agrogandeiro para un reparto xusto e equitativo das axudas da PAC en Galicia

Besteiro, acompañado de representantes de UU.AA. e unha vintena de gandeiros, esixiu a Feijóo que “se comporte como Presidente de todos os galegos, defenda os intereses dos nosos agricultores e gandeiros, e cumpra en Madrid o que promete en Galicia” O Presidente avogou por prezos do leite que garantan a rendibilidade das explotacións a longo prazo, o valor engadido, unha nova estrutura territorial agraria, innovación, o acceso real ós servizos públicos, e unha PAC “que prime a quen realmente vive e traballa no campo” O secretario xeral de UU.AA. destacou que a postura da Xunta sobre a PAC “consolida o agravio comparativo de Galicia con respecto ó resto autonomías” e fixo “un chamamento urxente para que a Conselleira priorice os intereses de Galicia sobre os de quen goberna”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou este luns o apoio da institución provincial á ofensiva dos sector agrogandeiro para reivindicar un reparto xusto e equitativo das axudas da Política Agraria Común no período 2015-2020, respaldando deste xeito a manifestación que UU.AA. e UPA teñen convocada para mañá en Madrid. Besteiro, acompañado do secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA), Roberto García, o secretario de Organización do sindicato en Lugo, José Rodríguez Blanco, o Deputado provincial de Medio Rural e do Mar, José Fernández, e unha vintena de gandeiros da provincia, esixiu ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “que se comporte como tal, que sexa o Presidente de todos os galegos, que reclame, reivindique e faga valer os intereses de Galicia perante o Goberno central que preside Mariano Rajoy, e que defenda os intereses dos nosos gandeiros e agricultores”.

Demandoulle así mesmo que “o que acorda e defende en Galicia, se traslade finalmente á negociación da PAC co Goberno do Estado en Madrid”. “Reclamamos ó Presidente da Xunta que esixa ó Goberno central que a PAC impulse a actividade agrogandeira como motor da economía de Galicia, favorecendo o crecemento e o emprego, e freando o despoboamento”, incidiu Besteiro. “En definitiva”, engadiu, “o que lle pedimos é que non suceda o que a Xunta fixo no pasado con experiencias industriais como foi a fracasada de Alimentos Lácteos. Precisamente hoxe se celebra a primeira vista xudicial ó respecto”.

“Cando ó campo lle vai ben, á cidade tamén lle vai ben”

“Hai 50.00 empregos que dependen en Galicia da agricultura e a gandería, case 7 veces máis que a plantilla de calquera das máis importantes empresas deste país, polo que cando ó campo lle vai ben, a cidade tamén lle vai ben”, explicou o Presidente, quen apostou por resolver “os puntos claves que van afectar ó futuro do sector”.

Entre elas, Besteiro destacou a necesidade de conseguir prezos do leite que garantan a rendibilidade e prosperidade das explotacións a longo prazo, e que non estean por debaixo dos custes de produción. “Non podemos conformarnos con subas coxunturais”, indicou, ademais de apostar pola creación de valor engadido, unha nova estrutura territorial das explotacións que as fagan competitivas e a industrialización do sector. Apoiar á innovación, como por exemplo, coa agricultura ecolóxica, unha das grandes potencialidades do campo galego; garantir un acceso real ós servizos públicos no rural; e unha PAC “xusta e equitativa, que prime a quenes verdadeiramente viven no campo e traballan no campo”, foron outros dos factores destacados polo Presidente.

Pola súa banda, o secretario xeral de UU.AA. fixo un “chamamento urxente a que a conselleira do Medio Rural priorice os intereses de Galicia sobre os de quen goberna e haxa unha explicación pública de todo o acordado”, pois “non só estamos falando dun reparto equitativo das axudas da PAC, senón do futuro da gandería de leite e de carne de Galicia, xa que, de non cambiarse nada, os produtores poden perder ata o 30% das axudas. Incidiu así mesmo en que, “por primeira vez dende a entrada na Unión Europea no ano 86, o Goberno central e as comunidades autónomas teñen plena autonomía para decidir a quen e como se dan as axudas”, polo que non “lle podemos botar a culpa a Bruxelas. En Francia están facendo as cousas doutra forma”.

Que preocupa ó sector?

O secretario de UU.AA. expuxo cinco puntos da PAC que, de non reformarse, prexudicarán gravemente a Galicia:

- En primeiro lugar, a postura que mantén o Goberno de Feijóo, dando por boa a utilización dos criterios históricos e por superficie para o reparto da PAC, sen ter en conta o emprego xerado polas explotacións, “consolida o agravio comparativo que sofre Galicia con respecto ó resto das comunidades autónomas”, explicou García. Como exemplo, indicou que, mentres un agricultor ou gandeiro galego recibe unha media de 4.430 euros, en Aragón, a cantidade ascende a 21.000 euros. Ademais, Galicia recibirá soamente o 2,7% dos 46.000 millóns que se repartirán en España da PAC, cando conta cun número moi superior de ocupados na actividade agrogandeira que outras rexións que reciben máis como Aragón, Estremadura ou A Rioxa.

- En segundo lugar, o secretario xeral de UU.AA. explicou que a nova PAC “vai a privilexiar a agricultura fronte á gandería, cando Galicia é basicamente gandeira”. “Tócanos, unha vez máis perder, nun momento no que houbo unha recuperación do prezo dos cereais e no que se estivo vendendo por debaixo dos custes de explotación”.

- O terceiro factor desfavorable para Galicia, que Roberto García cualificou de “inmoral”, é que se manteñan as axudas a persoas que non se dedican á agricultura e á gandería. “Dos 970.000 preceptores entre os que se repartirán as axudas en España, soamente 300.000 son agricultores e gandeiros a título principal, é dicir, o Ministerio de Agricultura e as comunidades autónomas apostan porque as axudas vaian a persoas que xeren apariencia de agricultores e gandeiros, e que só teñen que xustificar unha factura polo 10% do que reciban a fondo perdido, non polo 10% dos ingresos”, afirmou. Neste senso, o sindicato tamén aposta por fixar un límite máximo de 60.000 euros para as axudas, en lugar dos 300.000 establecidos.

- En cuarto lugar, a PAC vai supoñer, segundo UU.AA., “un freo brutal” na mobilidade de terras en Galicia, que xa é máis baixa que a do resto do Estado, porque os agricultores de máis de 65 anos poderán seguir recibindo a subvención coa única esixencia de que teñen polo menos unha Unidade Gandeira Maior (UGM) por hectárea, o que impedirá que as súas terras vaian para outro produtor”.

- A quinta cuestión preocupante da PAC é a desaparición das cotas lácteas en 2015, é dicir, “pasamos a un sistema de libre produción sen ter consolidada unha estrutura industrial, nin contratos lácteos estables”, afirmou García. “Significa tamén que eses 200 millóns de euros investidos polos nosos gandeiros para comprar dereitos de produción se expropian a valor cero, sen indemnización”. Neste senso, Unións Agrarias reclama compensacións para os gandeiros que compraron cota. Neste punto, “o máis grave”, explicou Roberto García, é o cambio no reparto das axudas, pois “de concederse por quilo de cota láctea, agora pasan a ser axudas acopladas, fixándose por unidade de produción, o que prexudicará ás ganderías máis puxantes e innovadoras”. Ademais, estarán sometidas a revisión, polo que en caso de producirse unha crise noutro sector, poden ser retiradas.