Deputación de Lugo

Gómez Besteiro: 'só dende a realidade podemos desmontar as políticas de austeridade empobrecedora'

“Son dos que cre que existen alternativas reais, e un dos grandes desafíos da política é precisamente xerar confianza e reducir a inseguridade da que todos somos vítimas”, subliñou o Presidente durante a presentación de Economistas frente a la crisis en GaliciaJorge Fabra, Alfonso Prieto e Mónica Melle abordaron temas como a reforma laboral, as políticas activas de emprego ou a situación do sector industrial no país ou do sector da enerxía nun acto que encheu o Salón de Actos de San Marcos

O Salón de Actos quedou pequeno para acoller ó numeroso público asistente á conferencia ofrecida hoxe por destacados membros do colectivo Economistas frente a la crisis, que escolleron a Deputación de Lugo para presentarse oficialmente en Galicia. Durante o acto, Gómez Besteiro destacou que “o mellor que pode facerse fronte a unha concepción conservadora da política é combatila no terreo da realidade” e que precisamente só dende a realidade pódense “desmontar as políticas de austeridade empobrecedora que tanto dano nos están a facer”.

O máximo responsable provincial subliñou que estas políticas empobrecedoras son “as que provocan que hoxe os 20 españois máis ricos acumulen tanta renda como o 20% da poboación máis pobre”, unha situación fronte á que “existen alternativas, alternativas reais”. Do mesmo xeito, identificou “un dos grandes desafíos da política”, con “xerar confianza para reducir a inseguridade colectiva da que todos somos vítimas”. O Presidente tamén apostou por “unha concepción da realidade que sexa mellor para todos, non para unha elite privilexiada”

Os poñentes

O presidente de Economistas frente a la crisis, Jorge Fabra, encarou o tema central da conferencia “Hai outra economía. En prol do benestar dos cidadáns”, destacando que o que se está a facer na actualidade “non é economía senón ideoloxía”, e aconsellou medidas como os estímulos fiscais ou a reactivación do gasto público para a recuperación tras a crise que, aínda que posible, será lenta.

Pola súa banda, Alfonso Prieto analizou os novos modelos de crecemento o de mercados de traballo e apostou por novos modelos baseados na calidade do emprego e en políticas de industralización que, segundo destacou, foron abandonadas hai anos. Mónica Melle analizou as desigualdades entre os países europeos a desvelou algunhas das mentiras que se teñen contado sobre este crise económica e como esta acrecenta a fenda entre os cidadáns, como o feito de que foron realmente as clases con maior poder adquisitivo as que contribuíron de xeito más claro á formación da burbulla inmobiliaria, coa compra especulativa de segundas e terceiras vivendas.

Como noutras ocasións, todos os que non puideron asistir en directo puideron seguilo en streaming dende calquera ordenador e dispositivo móbil grazas ó traballo da Fundación TIC, que o retransmitiu en tempo real a través da web www.deputacionlugo.org.