Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo promociona o turismo e a gastronomía da provincia na Feira Internacional Fitur

Pilar García Porto participou hoxe na presentación da guía “...E para comer, Lugo”, da Asociación provincial de hostaleiros, e das novos soportes de promoción turística da Ribeira Sacra editados polo Consorcio de Turismo, cos que colabora a Deputación

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, participou hoxe en varios actos de promoción turística e gastronómica de Lugo que se celebraron na Feira Internacional de Turismo-Fitur, que acolle estes días Madrid.

Pilar García Porto tomou parte no acto de presentación, no stand oficial de Galicia, da guía turístico-gastronómica “...E para comer, Lugo”, que edita a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería, coa que colabora o organismo provincial. Tras esta presentación foi o momento da Ribeira Sacra, xa que tamén se presentaron de maneira oficial tres novas guías especializadas, unha aplicación para móbiles e unha páxina web, todas elas elaboradas polo Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, entidade coa que a Deputación tamén mantén unha estreita colaboración dende hai anos.

A primeira das guías ofrece información sobre o patrimonio monumental e cultural, así como a natureza, cunha clara orientación práctica. Outra delas é un directorio de servizos e empresas da zona e o terceiro recolle unha serie de rutas de sendeirismo con información sobre as mesmas. Os contidos desta guía tamén poderán ser consultados a través da aplicación e da web.

A presentación deste novo material é un paso máis no traballo conxunto do organismo provincial e do consorcio, intensificado a partir do 2011 coa posta en marcha por parte do organismo lugués da campaña de promoción da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Esta candidatura, unha aposta persoal do Presidente da Deputación de Lugo, abriu canles de participación a institucións e colectivos de toda a provincia coa redacción dun convenio de colaboración para o impulso conxunto da candidatura, que foi asinado polo propio Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, así como pola Deputación de Ourense.