Deputación de Lugo

A Deputación mantén o POS na provincia malia o financiamento cero do Goberno Central por 3º ano consecutivo

O Presidente deu conta ó Pleno da resolución dun contrato polo incumprimento das condicións laborais e en defensa dos traballadores O PP rexeitou esixir a Feijóo a retirada da suba nun 34% do canon de Sogama e que consensúe cos Concellos solucións, que abaraten a xestión e tratamento dos residuos

O Pleno Provincial aprobou este martes, cos votos a favor de PSOE e BNG, e a abstención do PP, o Plan de Obras e Servizos para 2014, dotado de 2.767.107 euros, financiados nun 65% pola Deputación, con 1.754.412 euros; e nun 35% polos Concellos, con 1.012.694 euros. O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, destacou que o organismo provincial mantén esta programación na provincia malia o financiamento cero do Goberno Central por terceiro ano consecutivo. Rajoy decidiu suprimir o financiamento estatal ó POS no 2011, sendo a primeira vez na historia da democracia que acontecía isto. Ata entón, o Plan estaba financiado nun 50% polo Executivo de España, nun 25% polas Deputacións e nun 25% polos Concellos.

O POS 2014 contempla 67 obras, cuxa execución contribuirá ó mantemento de 200 postos de traballo na provincia. 65 das mesmas son de caracter municipal, que se levarán a cabo en todos os Concellos lugueses, agás en Pantón, que por terceiro ano consecutivo renunciou a sumarse ó POS, e en Riotorto. Consistirán, principalmente, en melloras nos accesos a pequenos núcleos rurais, pavimentacións de rúas, abastecementos de auga ou subministros eléctricos. As 2 obras restantes son melloras en estradas provinciais. Concretamente, na vía “As Nogais-Torés-Armesto”, nos Concellos das Nogais e Becerreá, e da LU-P-4606 á LU-P-5401, en Ribeira do Piquín.

Os criterios aplicados para o reparto dos fondos entre os municipios son os mesmos que se veñen empregando dende 2008, de xeito que todos os Concellos reciben un mínimo de 10.000 euros. Para fixar esta cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación e o 15% restante corresponde á carga fiscal.

Plan Complementario

A sesión de hoxe tamén acordou un Plan Complementario de Obras e Servizos, cun orzamento de 4.612.461 euros da Deputación, que permitirá financiar un total de 20 obras. 16 son de índole municipal e afectan ós seguintes Concellos: Baleira, Barreiros, Becerreá, Cervo, O Corgo, Cospeito, Chantada, Folgoso do Courel, Guntín, Láncara, Lugo, Quiroga, Sober, Vilalba, Xermade e Abadín. As 4 restantes son melloras nestas vías provinciais: “Moncelos-Carrizal”, na Pastoriza; “de Souto de Torres a Sobrado”, en Castroverde; “Doiras-Degrada”, en Cervantes; “San Cristobal-Adai-LU-106”, no Corgo; e da LU-232-Santa Eulalia de Bóveda-Camiño do Burgo, en Lugo.

En defensa dos traballadores

O Presidente deu conta á Corporación Provincial da resolución do contrato á empresa que presta servizo de seguridade e vixilancia no Pazo dos Deportes e no Museo Provincial debido ó incumprimento das condicións laborais e en defensa dos traballadores. Gómez Besteiro explicou que a entidade aproveitou a Reforma Laboral do Goberno Central para rebaixar os salarios ós traballadores. Infrinxiu, deste xeito, o prego de condicións do contrato coa Deputación, que se basea no convenio estatal do sector, que recolle as cláusulas sociais da contratación pública, procedentes das directrices da Unión Europea e avaladas pola Organización Internacional do Traballo, que establecen as retribucións. Ante esta situación, e axustándose rigorosamente á legalidade, a Deputación abriu un expediente á empresa e notificoullo á mesma. Seguidamente, publicouno no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de edictos do Concello de Monforte, que é onde figura o domicilio fiscal da entidade. Este mesmo mes, o organismo provincial remitiu o expediente ó Consello Consultivo de Galicia para que emita o seu dictame e poder, finalmente, resolver o contrato.

Sogama

Malia a negativa de todos os Deputados do PP, o Pleno aprobou a moción do grupo socialista para: “esixir ó Presidente da Xunta que inicie un diálogo cos representantes dos Concellos galegos, que permita obter unha solución consensuada sobre o prezo do tratamento dos residuos; a inmediata retirada da suba do canon de Sogama e explorar outras vías propostas no Plan Económico-Financiero, que abaraten a xestión e tratamento dos residuos”.

Plan Integral

Por unanimidade, a sesión aprobou a moción presentada polo equipo de Goberno para “demandar ós Executivos autonómico e central o cumprimento da lei de patrimonio, garantindo a conservación dos bens das administracións públicas; e a elaboración dun Plan Integral de desenvolvemento dos bens patrimoniais co que poñer en valor o tecido cultural e económico dos territorios onde se encontran”. Segundo datos oficiais, Galicia conta con 1.000 edificacións públicas abandonadas e infrautilizadas. Por exemplo, o Cuartel de San Fernando, a casa sindical de Portomarín, a Casa da Irmandade de Antas de Ulla, as casas do Mar de Ribadeo e Cervo ou o Antigo Centro Comarcal en Viveiro ou Mondoñedo.