Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía e Deseño achega ós nenos de toda a provincia a rica tradición tecelá lucense

Os rapaces participaron nun encontro con dúas artesás tecelás que lles amosaron como se traballa cun tear antigo que se exhibe como parte da mostra Tear, tecidos e tecelánsA Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, entregou os diplomas de “Pequenos artesáns” ós cativos que participaron nos últimos obradoiros organizados polo Centrad

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participou nun encontro no que nenos de toda a provincia coñeceron da man de dúas artesás a tradición tecelá da provincia. A xuntanza tivo lugar despois da entrega dos diplomas de “Pequenos artesáns” ós rapaces de entre 5 e 15 anos que participaron na última convocatoria de obradoiros organizados pola Deputación de Lugo no CENTRAD.

A exhibición de Emérita Rivas e Celsa Rodríguez, recoñecidas como “Artesás de Honra da provincia” polo seu labor de conservación da tradición artesá, nun acto que tivo lugar o pasado día 29 de xaneiro coincidindo coa inauguración da mostra Tear, tecidos e teceláns, que se exhibe actualmente nestas instalacións, tivo nesta ocasión un público moi especial, composto por todos estes nenos que puideron aprender como se traballaba nun tear antigo, peza que precisamente está en exhibición na Sala de Exposicións do Pavillón 4.

Esta é unha das moitas actividades organizadas polo Centrad e dirixidas a todos os públicos para divulgar a artesanía da provincia, afondando no pasado, recuperando as tradicións e fomentando o inicio na actividade de novos artesáns. Con encontros coma este, nenos e adultos poden coñecer a tradición artesá da provincia e os maiores comparten os seus coñecementos coas novas xeracións, asegurando a conservación do patrimonio artesanal da provincia. Os que queiran asistir a unha destas demostracións en vivo poden facelo o vindeiro mércores, 19 de febreiro, entre as 17:00 e as 19:00 horas. A asistencia é gratuíta.