Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo, pioneira en España en propor a resolución dun contrato polo incumprimento das condicións laborais

A Xunta de Goberno acordou remitir ó Consello Consultivo de Galicia o expediente aberto á empresa de seguridade que rebaixou as retribucións ós traballadores, amparándose na Reforma Laboral e infrinxindo o contrato co organismo provincialA institución garante o emprego ó persoal afectado, xa que o prego de condicións do contrato para a prestación deste servizo estableceu a obrigación de que a adxudicataria asuma o persoal

A Deputación de Lugo, que preside José Ramón Gómez Besteiro, é unha das primeiras administracións en España que propón a resolución dun contrato polo incumprimento das condicións laborais e en defensa dos dereitos dos traballadores.

A Xunta de Goberno deste venres aprobou remitir ó Consello Consultivo de Galicia o expediente que o organismo lugués abriu á entidade que presta o servizo de seguridade no Pazo dos Deportes e no Museo Provincial.

A adxudicataria aproveitou a Reforma Laboral do Goberno Central para rebaixar os salarios dos traballadores. Infrinxiu, deste xeito, o prego de condicións do contrato coa Deputación, que se basea no convenio estatal deste sector, recollendo as cláusulas sociais da contratación pública establecidas pola Organización Internacional do Traballo, nas que xa se definen as retribucións do persoal.

Ante esta situación, e axustándose rigorosamente á legalidade, o organismo provincial abriu en outubro un expediente á empresa, que lle notificou á mesma. Seguidamente, publicouno no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de edictos do Concello de Monforte, que é onde figura o domicilio social da entidade. Agora, remítello ó Consello Consultivo de Galicia, que emitirá dictame no prazo máximo dun mes, para poder, finalmente, resolver o contrato.

A Deputación garante en todos os casos o emprego ó persoal afectado, xa que no prego de condicións do contrato de seguridade nas dependencias provincias, a institución establece a obrigación de que a adxudicataria asuma ós traballadores que actualmente prestan este servizo.