Deputación de Lugo

Deputación e colectivos femininos de toda a provincia denuncian o recorte en dereitos e liberdades das mulleres

A Vicepresidenta Segunda e as Deputadas provinciais, acompañadas por representantes de diferentes colectivos lucenses, lamentan que “os Gobernos do Partido Popular traten ás mulleres como cidadáns de segunda” na conmemoración do Día Internacional da MullerMéndez denunciou que feitos como o retroceso en dereitos civís e sociais; o empobrecemento dos servizos públicos de calidade, ou os negativos datos do paro, “debuxan unha situación crítica que moitas das que estamos aquí non coñecimos nunca”“Queremos ser mulleres traballadoras, de pleno dereito, de plenas liberdades. Mulleres que poidan decidir sobre a súa vida, sobre o dereito a ter fillos e sobre o seu dereito a traballar e a conciliar”, sentenciou

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polas Deputadas provinciais Pilar García Porto, Regina Polín e Sonsoles López Izquierdo, e representantes da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo; da Federación de Asociacións de Mulleres do Rural, e da Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ó Aborto, denunciou este venres o grave retroceso nos dereitos e liberdades das mulleres que están a provocar os recortes e medidas postas en marcha polos Gobernos do PP. Méndez fixo un chamamento “ás mulleres, pero tamén ós homes”, para que participen nas ducias de actos convocados mañá, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e así “reivindicar na rúa os nosos dereitos e denunciar que os Gobernos do Partido Popular traten ás mulleres como cidadáns de segunda”.

A Vicepresidenta fixo fincapé en que a crise económica, agravada polas imposicións dos Gobernos de Rajoy e Feijóo, está a afectar de xeito especialmente virulento ás mulleres, tal e como indican as estatísticas, “co retroceso en dereitos civís e sociais; o empobrecemento dos servizos públicos de calidade, e os negativos datos do paro, por citar só algúns dos exemplos que debuxan un panorama crítico que moitas das que estamos aquí non coñecimos nunca”.

Lei do Aborto

A Vicepresidenta destacou determinados recortes que afectan especialmente ó sector feminino, como o 28% menos nos fondos destinados á loita contra a violencia de xénero, da que foron vítimas 54 mulleres o pasado ano e no que vai de 2014 -3 delas na provincia-, e determinadas reformas lexislativas previstas como a do Código Penal ou a Reforma Local “que vacían de contido a Lei Integral”; os recortes na Lei de Dependencia, ou medidas como a reforma da lei do aborto “totalmente innecesaria e cruel que só responde ás demandas dos dogmáticos e ultraconservadores”. A Vicepresidenta destacou que “esta lei non só é retrógrada e cruel coas mulleres, senón que aumentará a desigualdade entre aquelas que poderán pagar entre 500 e 6.400 euros por un aborto en condicións dignas no estranxeiro, e as que terán que abortar en condicións ilegais e clandestinas. Obrígannos a ter fillos dependentes, e logo recortan os fondos para axudar a coidar deses fillos dependentes”, sentenciou. Nesta mesma liña manifestáronse as representantes da Plataforma Galega Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ó Aborto presentes no acto.

Ataque ó Estado de Benestar

Lara Méndez lembrou que “esta é outra das realidades da muller: ela é quen se fai cargo, case sempre en solitario, dos familiares dependentes”, o que afecta especialmente ás mulleres do rural, onde viven un 80% das que desempeñan estas tarefas, tal e como subliñou, Verónica Marcos, da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, que tamén chamou a atención sobre o desmantelamento da educación pública no rural que está levando a cabo o Goberno de Feijóo, pechando ducias de escolas unitarias e o programa Preescolar na Casa que afectou especialmente ás mulleres “que son as prestadoras dos servizos sociais no rural”.

Galicia rematou o 2013 con máis de 18.000 dependentes que non reciben axudas con cargo á Lei de Dependencia, porque “o Goberno de Feijóo está a desmantelar o sistema a base de recortes, aforrando a costa de reducir a só tres os graos de dependencia, desmantelando este sistema pouco a pouco”, sentenciou, do mesmo xeito que está a privatizar a sanidade.

Paro feminino

A Vicepresidenta tamén subliñou o preocupante do impacto da reforma laboral e da falla de políticas activas de emprego nas mulleres. Neste senso, Juana Eiroa, vicepresidenta da Asociación de Mulleres Empresarias, tamén reclamou financiación para empresarias e emprendedoras, vital para a favorecer a creación de riqueza e emprego. Méndez lamentou o “triunfalismo dalgúns, cando estamos a falar de que en Galicia 2013 pechou con destrución de emprego feminino por quinto ano consecutivo: máis de 52.000 mulleres perderon o seu traballo nos últimos cinco anos”. De feito, son máis de 132.000 as desempregadas galegas, 14.000 na provincia de Lugo, das que a metade son paradas de longa duración, subliñou. Do mesmo xeito, a crise agravou a fenda salarial entre homes e mulleres, “e hoxe en día as mulleres teñen que traballar 82 días máis ó ano para cobrar o mesmo que os homes”. Os datos son máis dramáticos no caso das mulleres menores de 25 anos, que supoñen máis do 56% do total de desempregadas, “e as que aínda traballan o fan cada vez en peores condicións, xa que o 24% delas teñen contratos temporais”.

“Queremos ser mulleres traballadoras, de pleno dereito, de plenas liberdades. Mulleres que poidan decidir sobre a súa vida, sobre o dereito a ter fillos e sobre o seu dereito a traballar e a conciliar”, sentenciou Méndez.