A TIC dará cobertura e difusión á carreira benéfica deste domingo entre Baleira e Castroverde
A Fundación TIC dará cobertura e difusión á carreira solidaria que este domingo, 23 de marzo, reunirá a 400 persoas e transcorrerá entre os termos municipais de Baleira e Castroverde. Por segundo ano consecutivo, e tralo éxito do ano pasado, Marzo Saúde, clínica de fisioterapia e podoloxía, celebra esta xornada deportiva coa que recadarán quilos de comida que se destinarán ó Banco de Alimentos de Lugo. O patrón da TIC e Deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos, destacou a importancia de que as institucións apoien estas iniciativas para que a solidariedade chegue ó maior número de familias e nenos nestes tempos de dificultades económicas.
Álvaro Santos avanzou a colaboración da TIC nun acto ó que tamén asistiu José Luis Valiño, de Marzo Saúde, e os alcaldes de Baleira e Castroverde, Ángel Enrique Martínez-Puga e Xosé María Arias que, xunto á Fundación, colaboran na xornada. Valiño, en nome da organización, amosouse moi satisfeito polo apoio recibido. Afirmou que xuntos superaremos as 5 toneladas de comida do ano pasado e agradeceu á TIC a súa colaboración, esencial para divulgar o evento e animar á xente a participar nel.
Un equipo da TIC será o encargado de gravar as diferentes actividades que se desenvolvan ó longo do día. Contará coa participación de bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido do audiovisual. Neste senso, Santos recalcou que para a Fundación é prioritario ofrecer formación de calidade ós alumnos e titulados da EIS, e dentro deste modelo son fundamentais as prácticas en escenarios reais.
Desenvolvemento da xornada
A xornada deportiva desenvolverase o 23 de marzo. Ás 10 da mañá, arrincará a primeira das probas dirixida ás categorías inferiores e, posteriormente, terán lugar as dúas carreiras, unha longa de 20 a 30 quilómetros e outra mais corta, de 16 a 9 quilómetros, con saída desde Baleira e chegada a Castroverde ó seu paso polo Camiño Primitivo. O Deputado, Álvaro Santos, subliñou que será un evento completo no que, a través do deporte, persoas de todas as idades coñecerán a riqueza desta rota xacobea e da nosa provincia.
Ademais da actividade deportiva, terá lugar un xantar. A metade dos fondos que se obteñan da entrada para a comida, xunto ó euro que aporte cada corredor participante, doaranse á Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
Maratón fotográfico
Por segundo ano consecutivo e coincidindo con este evento deportivo Marzo Sáude promove un concurso fotográfico aberto ata o día 30 de marzo e cuxas bases poden atoparse na web www.marzosaudesolidario.org. As fotografías deberán ser tomadas en Baleira ou Castroverde o día da proba ou os días antes. Hai ata sete categorías diferentes e o mesmo número de premios para os participantes. Os organziadores estudan que o material poida ser obxecto dunha exposición.
Vocación solidaria
Marzo Saúde nace en Castroverde (Lugo) como unha clínica de fisioterapia e podoloxía en marzo do ano 2010. Está dirixida polos irmáns José Luis e Jesús Valiño Castedo e Isabel Cabado Peña, un grupo de mozos profesionais multidisciplinar, todos expertos no sector deportivo e sanitario. A filosofía que move a Marzo Saúde é a da cooperación e a mellora continua. Por elo, parte dos beneficios son destinados a un fin social que contribúa a crear unha sociedade máis igualitaria.