Deputación de Lugo

A TIC achega o audiovisual ós alumnos do IES Ollos Grandes coa gravación en directo dun concurso de curtametraxes

Alumnos de 2º curso de Produción e Realización da Escola de Imaxe e Son gravaron o programa no que se proxectaron curtas realizadas polos estudantes da ESO, o making of e entrevistas en directoUn xurado estivo formado polos cineastas Jorge Coira, Xacio Baño e Manuel Curiel A iniciativa, froito dun convenio entre a TIC e o instituto lucense, permitiu que os alumnos de secundaria coñeceran o proceso de creación dunha obra audiovisual, e serviu de práctica real ós estudantes que rematan este ano a súa formación na EIS

Alumnos do 2º curso dos ciclos de Produción e Realización da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC gravaron hoxe o concurso de televisión “Cinco e Acción”. Trátase dun talent show no que se proxectaron catro curtametraxes que guionizaron e filmaron estudantes de 4º da ESO do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, co apoio dos alumnos da EIS. O xurado estivo formado polo cineasta e padrón da Fundación TIC, Jorge Coira; o director Xacio Baño e o crítico de cine Manuel Curiel.

Para filmar as películas dun minuto de duración, os concursantes utilizaron os seus teléfonos móbiles e cámaras de fotos. O argumento tiña que tratar sobre videoxogos, acoso escolar, redes sociais ou a amizade. Unha vez rematada a rodaxe, a TIC ofreceulles editar e montar a fita na Escola de Imaxe e Son, posibilidade que aproveitou un dos grupos participantes; o resto fíxoo con medios propios.

Ademais das catro curtas, durante a gravación do programa proxectouse ó making of do traballo que realizaron, e unha entrevista en directo a un representante de cada un dos grupos de concursantes.

A produción do programa

A iniciativa, froito dun convenio entre a Fundación TIC e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, permitiu que os alumnos de secundaria do instituto coñeceran o proceso de creación dunha obra audiovisual, e participaran na realización dun programa de televisión en directo. Ademais, a actividade serviu de práctica real ós alumnos que este ano rematan os seus estudos de Formación profesional superior na Escola de Imaxe e Son. A gravación de “Cinco e Acción” tivo lugar no Centro de Produción de Programas da TIC, onde habitualmente realizan as súas prácticas ós alumnos da EIS.

Profesores da Escola de Imaxe e Son impartiron, no instituto lugués, un obradoiro de “Iniciación á curtametraxe” con nocións básicas sobre escritura dun guión, linguaxe audiovisual e os documentos precisos para preparar unha película. Con esta base, os alumnos do IES organizaron os grupos para facer os guións literario e técnico, e comezaron a filmar a súa historia co apoio dos estudantes da EIS.