Deputación de Lugo

28 lucenses que estaban no paro traballan en Concellos da zona Sur co plan de emprego da Deputación

Imaxe deputación de lugo
Fano na Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga, Samos e O Incio, municipios da Rede Natura con menos de 5.000 habitantes, castigados e excluídos reiteradamente pola Xunta A Deputación, que financia na súa totalidade o plan, xa ingresou a Quiroga o 90% do orzamento. Foi o 1º Concello en solicitar o anticipo, que nos vindeiros días tamén recibirán o seguintes municipios que o pediron: O Incio, Cervantes, A Fonsagrada e A Pontenova

28 lucenses que estaban no paro traballan agora na Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga, Samos e O Incio, realizando melloras de servizos públicos municipais. Fano mediante o plan de emprego da Deputación para Concellos de menos de 5.000 habitantes, que foron excluídos dos obradoiros ou escolas taller da Xunta dende 2009 e que integran a Rede Natura.

O organismo provincial financia na súa totalidade esta programación con 2 millóns de euros, posto que asume as retribucións dos traballadores e os custes da seguridade social das 80 persoas que en total foron contratadas en 12 Concellos e que xa están a traballar. Xunto ós mencionados 5 municipios do sur lugués, os restantes Concellos son: Cervantes, A Pontenova, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Becerreá, A Fonsagrada e Pedrafita do Cebreiro.

O presuposto que achega á zona Sur é de 733.137 euros. O reparto deste orzamento é o seguinte: Quiroga, 216.120 euros para 8 traballadores; Ribas de Sil, 135.075 euros para 5 traballadores; Samos, 135.075 euros para 5 traballadores; O Incio, 135.075 euros para 5 traballadores; A Pobra do Brollón, 111.792 euros para 5 traballadores. Neste último caso, o orzamento é inferior porque o propio Concello solicitou que as retribucións destes traballadores sexan iguais ás do persoal municipal que desenvolve funcións semellantes.

Adianto ós Concellos

Consciente da situación das arcas municipais, a Deputación ofrece ós Concellos o adianto do 90% do orzamento que lles corresponde. Quiroga, que foi o primeiro en solicitar este anticipo, xa conta con 194.508 euros. Os seguintes municipios que o recibirán, posto que o pediron nos últimos días, despois de Quiroga, será O Incio, que ingresará 121.567 euros; Cervantes, 121.567 euros; A Pontenova, 194.508 euros; e A Fonsagrada, 267.448 euros. En total, a institución adiantaralles 705.180 euros.

15 meses de traballo

O número de traballadores por municipio determinouse polo número de habitantes. Os Concellos foron os encargados de realizar os procesos de persoal. Os 80 seleccionados traballan dende o 1 de abril e durante 15 meses, a diferenza dos obradoiros de emprego doutras administracións nos que os desempregados traballan só 6 meses. As tarefas que levan a cabo consisten en obras no medio rural, intervencións en espazos públicos e naturais, medidas preventivas en defensa do medio ambiente..., en definitiva, priorizan as necesidades imprescindibles para o benestar dos veciños. Polo tanto, este plan, non só crea traballo directo e de calidade, senón que mellora as dotacións públicas nos municipios con menor capacidade económica, combatendo o despoboamento demográfico no rural.