Deputación de Lugo

A Deputación pagou ós Concellos cumpridores máis de 100.000 euros polos GES

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial puido ingresar a Becerreá, Cervo, A Fonsagrada, Monterroso e A Pontenova o 75% da anualidade de 2013, a única parte que por lei pódese pagar ata o momento tras obrigar á Xunta a desbloquear as transferencias ós ConcellosA Xunta segue a manter bloqueado o pago do 25% restante porque aínda non determinou que gastos financia cada administración e que documentación xustificativa deben entregar os Concellos para cumprir coa Lei de SubvenciónsA Deputación requiriu información ós Concellos que aínda non puideron demostrar que cumpriron co convenio para poder pagarlles: Quiroga, Folgoso do Courel e Guitiriz

A Deputación pagou hai máis dunha semana 109.375 euros polos Grupos de Emerxencia Supramunicipais a Becerreá, Cervo, A Fonsagrada, Monterroso e A Pontenova, os Concellos cumpridores do convenio dos GES. Esta cantidade representa o 75% da anualidade do 2013. Trátase do anticipo, a única parte que por lei se pode pagar ata o momento tras máis de 6 meses nos que a Xunta mantivo totalmente bloqueadas as transferencias ós Concellos. O 25% restante corresponde á xustificación, pago que a Xunta segue a manter bloqueado, posto que aínda non determinou que gastos financia cada administración e que documentación xustificativa deben entregar os Concellos para cumprir coa Lei de Subvencións. A Deputación instou en varias ocasións á Xunta a por fin a esta situación, que está a prexudicar ós Concellos.

A institución luguesa puido pagar a cada un destes cinco Concellos cumpridores un total de 21.875 euros. No caso de Cervo, a institución compensou esta cantidade, posto que este municipio mantén unha débeda de 100.000 coa Deputación polo recargo do IAE entre 2009 e 2012. Esta débeda é agora de 78.125 euros.

O organismo provincial solicitou a Guitiriz, Folgoso do Courel e Quiroga a documentación correspondente para constatar o cumprimento do convenio logo das supostas irregularidades cometidas. A Xunta e os propios Alcaldes recoñeceron que en Guitiriz se alteraron as bases do proceso de selección de persoal, cando son “comúns e públicas para todos os Concellos” segundo o convenio. En Folgoso do Courel e Quiroga fixéronse concursos de méritos e non oposicións, resultado contratados familiares da Alcaldesa do Courel, como súa irmá. A Deputación só pagará a estes municipios no caso de que demostren que cumpriron co convenio ó igual que os restantes Concellos. De ser así, ingresaría a Guitiriz 21.875 euros. Trátase do mesmo orzamento que, conxuntamente, pagaría a Folgoso do Courel e Quiroga, posto que comparten GES. Serían 10.937 euros por municipio.

Bloqueos da Xunta

A Xunta é a única responsable do retraso nos pagos ós Concellos de todas as administracións implicadas no funcionamento dos GES. Primeiro, bloqueou totalmente e durante máis de 6 meses as transferencias ós municipios, posto que non determinou no convenio como se tiñan que realizar. Así llo notificou a Deputación de Lugo en maio. Pese a recoñecelo, a Xunta non lle deu solución ata decembro. Agora, segue a manter bloqueado o pago do 25%, correspondente á xustificación, xa que non aclarou que gastos financia cada administración. Segundo a Lei de Subvencións dúas administracións non poden subvencionar os mesmos gastos, por exemplo os de funcionamento ou persoal, polo mesmo importe. Polo tanto, deben fixarse claramente os gastos, importes e conceptos que financia cada administración. En base a isto, os Concellos deberán entregar a documentación xustificativa correspondente a cada administración.

Os GES están financiados nun 60% pola Xunta de Galicia, nun 20% polas Deputacións galegas e nun 20% pola FEGAMP. O seu presuposto na provincia de Lugo para 2013 ascende a máis de 1 millón de euros, 600.000 da Xunta, 200.000 de Deputación e 200.000 da FEGAMP.