Deputación de Lugo

García Porto: 'Teixido é o único Alcalde da provincia que leva 3 anos rexeitando o centro de día e residencia público da Deputación'

Imaxe deputación de lugo
“Ningún outro Rexedor se opuxo a un investimento do organismo provincial no seu Concello de 1,2 millóns de euros. Estamos a construír os centros da Fonsagrada, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Pol. Proximamente, iniciaremos os de Navia de Suarna e Ribas de Sil”“Todo isto tras superar as trabas da Xunta que, coma Teixido, bloqueou durante anos a nosa rede pública de centros de día e residencias, ó non concedernos os permisos legais necesarios para iniciar as obras”“Teixido é máis construtor que Alcalde. Quere un centro con menos prestacións e de peor calidade, máis caro”. A Deputación mantén para Guitiriz un centro de día e residencia público cos mesmos servizos que os que constrúe en Concellos de distintas cores políticas

“Teixido é o único Alcalde da provincia que leva 3 anos rexeitando o centro de día e residencia pública da Deputación. Ningún outro Rexedor se opuxo a un investimento do organismo provincial no seu Concello de 1,2 millóns de euros, que potencie o benestar social e o emprego, só o fixo el. E a vista están os feitos. Estamos a construír estas dotacións na Fonsagrada, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Pol, e, proximamente, iniciaremos as de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Todo isto tras superar as trabas da Xunta que, coma Teixido, bloqueou durante anos a nosa rede pública de centros de día e residencias, ó non concedernos os permisos legais necesarios para comezar as obras”.

Pilar García Porto lembrou a postura de Teixido nas xestións coa Deputación para a construción do centro de día e residencia pública en Guitiriz. “Primeiro afirmou publicamente que non quería un centro para maiores na Casa da Botica porque era un lugar moi céntrico para a tranquilidade dos usuarios. Díxollo ós medios de comunicación, pero nunca llo comunicou oficialmente á Deputación. Para coñecer a súa postura e chegar a un acordo co que desbloquear este proxecto, creamos unha Comisión de Seguimento, que integramos Teixido e máis eu, xunto a técnicos provinciais e municipais. Nas dúas primeiras reunións, o Alcalde non foi capaz de explicar que quería facer”.

“A sorpresa chegou no terceiro encontro da Comisión de Seguimento, cando Teixido por fin desvelou as súas intencións. Presentou unha modificación do proxecto, que consistía na construción dunha nova rúa na propia Casa da Botica. É dicir, pasou de opoñerse á construción do centro alí por ser un lugar demasiado céntrico para tranquilidade dos usuarios, a querer abrir unha vía, poñéndoos en perigo. Incongruente”.

“Teixido é máis construtor que Alcalde”

“É máis construtor que Alcalde, posto que antepón os seus intereses urbanísticos ós dos veciños. Empeñouse en facer esta rúa e reducir nun 50% das dimensións do centro. Coa súa proposta, ofreceríamos 14 habitacións compartidas, cando a Deputación propón 24 individuais. O número de usuarios non cambiaría, polo que o persoal a contratar que establece a lei de Servizos Sociais é o mesmo. Polo tanto, manteríamos os custes. Tendo en conta que habería menos servizos e de peor calidade, o centro sería más caro”.

“Mantemos para Guitiriz a proposta inicial”

A vicevoceira subliñou que “mantemos a nosa proposta inicial, rexeitando taxantemente a do Alcalde. Guitiriz necesita un centro de día e residencia público de calidade, cos mesmos servizos que os que estamos a construír en Concellos de distintas cores políticas. Estamos ante un municipio onde o 30% da poboación supera os 65 anos e onde unha vintena de persoas xa acuden a centros privados fóra de Guitiriz para contar coas prestacións que lles quere ofrecer a Deputación nun complexo público”.

García Porto destacou que “a proposta de Teixido é inviable, posto que o obxectivo da rede pública de centros de día e residencias da Deputación é potenciar o benestar e mellorar a calidade asistencial dos maiores con novas dotacións sociais que xeren emprego e combatan o despoboamento demográfico no rural, e non acometer novas infraestruturas viarias”.

Beneficios

A posta en marcha destas instalacións suporía a creación duns 20 novos postos de traballo directos en Guitiriz (coidadores sociais, médicos, ATS como os de administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza...) e ducias de indirectos. Ademais, impulsaría a economía da zona, potenciando a actividade de pequenas empresas e autónomos. Outro exemplo dos posibles beneficios deste proxecto é que só por conceder a licenza de obra, que é imprescindible para poder iniciar estes traballos, o Concello ingresaría inmediatamente nas arcas locais uns 50.000 euros.