Deputación de Lugo

A TIC apoia a Asociación de Colombianos Inmigrantes para acadar unha oficina consular en Lugo

Imaxe deputación de lugo
- O colectivo organiza mañá no centro sociocultural Uxío Novoneyra un acto de apoio ó proceso de paz iniciado no seu país, que inclúe unha vídeo conferencia con membros do Goberno de Colombia
- Un equipo da Fundación TIC gravará o encontro e editará un vídeo para difundir no exterior, ó abeiro dun convenio asinado con Fundesarrollo, para promover o labor que están a desenvolver na provincia

A Fundación TIC colaborará coa Asociación de Colombianos Inmigrantes Fundesarrollo no acto de apoio ó proceso de paz iniciado no seu país de orixe, que terá lugar mañá, no centro sociocultural Uxío Novoneyra, coa participación de cidadáns chegados de toda Galicia. Un equipo de bolseiros e profesionais da TIC realizará a gravación íntegra do encontro, que dará comezo ás 19.00 horas, e no que está prevista a intervención a través de Skype dun representante da Cámara Exterior, e dun asesor do presidente de Colombia. O vídeo que edite posteriormente a TIC, contribuirá á difusión do evento que Fundesarrollo pretende levar a cabo no exterior.
 
A achega da Fundación TIC ó acto, ó que asistirá o Deputado e Patrón da entidade Álvaro Santos, é froito do convenio que ten asinado coa Asociación de Colombianos Inmigrantes, que leva meses xestionando que a comunidade colombiana de Galicia conte cunha oficina consular en Lugo. O acordo recolle a realización de traballos audiovisuais de divulgación dos proxectos de sensibilización e atención das necesidades do colectivo, que agrupa a máis de 6.300 persoas en Galicia, das que 1.200 residen na provincia.

O labor social da TIC
Na actualidade, a Fundación TIC ten asinados convenios con mais dun centenar de entidades e organizacións sen ánimo de lucro, para difundir o seu labor na provincia de Lugo. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son leven a cabo traballos profesionais, a través dun programa de bolsas, que lles facilitan a súa posterior incorporación ó mercado laboral para o que tamén mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia.