Deputación de Lugo

A Deputación aproba a 4º edición de Termalismo no Camiño, con 1.200 prazas subvencionadas en balnearios da provincia

- Lucenses maiores de 50 anos desfrutarán de descontos en instalacións termais de Lugo, ó igual que xa fixeron preto de 3.000 persoas coas anteriores convocatorias desta programación - Nos vindeiros días, o BOP publicará as bases do programa para que balnearios da provincia, con augas mineromedicinais de utilidade pública e fins terapéuticos, presenten ofertas - Martínez remarca que “en defensa do público, dos dereitos dos traballadores e en cumprimento da Lei de Subvencións”, non poderán optar a Termalismo no Camiño os establecementos en concurso, insolventes ou que non estean ó corrente de obrigas tributarias

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a 4º edición do programa Termalismo no Camiño, co que a Deputación ofrece a lucenses maiores de 50 anos outras 1.200 prazas subvencionadas en balnearios da provincia. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “tras o éxito das tres anteriores convocatorias, na que preto de 3.000 persoas desfrutaron de descontos en instalacións termais de Lugo, poñemos en marcha unha nova edición desta programación, con 60.000 euros de fondos europeos, en impulso do benestar social e o turismo medioambiental”. 

Nos vindeiros días, publicaranse as bases do programa no BOP para, seguidamente, abrir o prazo de solicitude de ofertas. Martínez explicou que poderán optar a “Termalismo no Camiño” os balnearios da provincia que empreguen as augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde, segundo establece a lei de regulación de augas minerais, termais e de manancial da Comunidade galega.

“Dentro da nosa aposta pola defensa dos dereitos dos traballadores e do público, e en cumprimento da Lei de Subvencións”, remarcou o voceiro, non poderán optar a esta programación: os establecementos que teñan solicitado a declaración de concurso voluntario; os declarados insolventes ou en concurso; os que non estean ó corrente no cumprimento de obrigas tributarias ou por reintegro de subvencións; os sancionados mediante resolución firme coa perda de obter subvencións; ou os que teñan a residencia fiscal nun país cualificado territorialmente como paraíso fiscal.

Descontos
Os balnearios deberán ofrecer os seguintes paquetes, que serán os que subvencione a Deputación:

  • 6 días con 5 noites de estancia
  • 5 pensións completas
  • Día de entrada (domingo): incluídos cea e aloxamento
  • Día de saída (venres): incluídos almorzo e comida 8 técnicas de balneario
  • 1 recoñecemento médico á chegada
  • De luns a xoves: programa de animación sociocultural

Portais web para os Concellos
A sesión acordou iniciar a contratación do servizo de mantemento dos portais web de 35 Concellos lucenses, que creou a Deputación ó abeiro do Innova-TE. O prezo máximo de licitación é de 60.000 euros. Martínez indicou que “son os municipios sumados voluntariamente ó noso programa tecnolóxico e que aceptaron a posta en marcha deste servizo”. Trátanse dos seguintes: A Pastoriza, A Pontenova, As Nogais, Baleira, Becerreá, Baralla, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Cervantes, Chantada, Guitiriz, O Incio, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Corgo, Paradela, Páramo, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Pol, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Taboada e Triacastela.