Deputación de Lugo

A Deputación rebaixa a débeda outros 2,3 millóns de euros

- A institución prevía finalizar o ano cunha débeda de 26 millóns de euros, cifra que agora reduce ata os 24 millóns de euros e que aínda espera rebaixar máis, manténdose á cabeza dos organismos provinciais de España menos endebedados
- O Goberno de Gómez Besteiro mellora as súas previsións e avanza cara a débeda cero no 2016, deixando atrás os 123 millóns de euros de débeda do 2007

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu este luns o Consello de Administración de Suplusa, no que se aprobou unha amortización anticipada de débeda de 2.369.908 euros. Esta cantidade súmase á rebaixa de 11 millóns de euros contemplada xa no Orzamento para 2014, supoñendo a mellora na previsión sobre o nivel de endebedamento ó remate deste exercicio. A institución luguesa prevía finalizar o ano cunha débeda de 26 millóns de euros, cifra que agora se reduce ata os 24 millóns de euros e que se espera rebaixar aínda máis este mesmo ano. Isto permitirá que a Deputación de Lugo se manteña á cabeza dos organismos provinciais de España menos endebedados, sendo a día de hoxe o 5ª con menos débeda, segundo datos oficiais do Ministerio de Facenda.

Preto de 123 millóns de euros era a débeda da Deputación de Lugo no 2007. Sen deixar de investir e malia o recorte nun 30% das transferencias do Estado á institución, o Goberno Provincial de Gómez Besteiro rebaixouna ata os 30 millóns da actualidade, que se reducirán polo menos ata os 24 millóns de euros ó remate de 2014, e ata os cero euros no 2016. En contraposición, a Xunta de Galicia, que contaba cunha débeda de 3.000 millóns no 2009, incrementouna ata os 9.900 millóns de euros en só 5 cinco anos, tendo xa máis débeda que orzamento.

A de Lugo é, ademais, a Deputación galega que máis rápido paga ós provedores, cunha media de pago de 8,9 días, dende que se conforma a factura ata que se aboa.