Deputación de Lugo

Novo bloqueo de Teixido ó centro de día e residencia públicos da Deputación en Guitiriz

Nin o Alcalde, nin representantes do seu Goberno, nin técnicos municipais acudiron este luns á 4º reunión da Comisión de Seguimento do centro público para maioresTal e como establece o convenio aprobado por Deputación e Concello, a Comisión de Seguimento é o órgano oficial de impulso desta dotación social, está integrada por representantes de ámbalas dúas administracións e necesítase quórum para avancesGarcía Porto subliña que “Teixido incumpre o convenio e bloquea a Comisión de Seguimento, sendo unha mostra máis da súa clara vontade de torpedear este proxecto, que leva boicoteando 3 anos”

Nin o Alcalde de Guitiriz, nin representantes políticos do Goberno municipal, nin tan sequera técnicos desta entidade local, participaron este luns na reunión da Comisión de Seguimento do centro de día e residencia públicos. Teixido nin acudiu á convocatoria, nin delegou en ninguén, incumprindo o convenio coa Deputación e impedindo avance algún na construción desta dotación social. Tal e como establece o convenio aprobado por Deputación e Concello de Guitiriz, a Comisión de Seguimento é o órgano oficial de impulso do centro público para maiores. Está integrada por autoridades e técnicos de ámbalas dúas administracións e é necesario o quórum para avances.

Á convocatoria só asistiron técnicos provinciais e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, representante oficial do Goberno Provincial nesta Comisión dende o primeiro momento. “O feito de que Teixido decida non vir, non delegar en ninguén e ata prohibir a participación dos técnicos municipais, a sabendas de que está a incumprir co convenio e a bloquear o órgano oficial de impulso do xeriátrico, é unha mostra máis da súa clara vontade de torpedear este proxecto. Leva máis de 3 anos bloqueándoo”. García Porto lembrou as catro versións distintas e sen fundamento do Alcalde durante este tempo:

- 1ª versión: Rexeita o proxecto porque a Casa da Botica é un lugar moi céntrico, o que impediría a tranquilidade dos usuarios. Opoñéndose a esta localización, o rexedor vulnera o acordo do Pleno de Guitiriz que aprobou un convenio coa Deputación para poñer en marcha o xeriátrico na Casa da Botica.

- 2ª versión: Acepta situar o centro de día e residencia na Casa da Botica, pero coa condición de abrir unha rúa alí mesmo, o que deterioraría a calidade asistencial e encarecería a prestación do servizo, ó reducir un 50% as dimensións das instalacións.

- 3ª versión: Rexeita o proxecto porque di, erroneamente, que non contempla o servizo de centro de día. Nas distintas sesións da Comisión de Seguimento convocadas explicóuselle e puido comprobar que o plan recolle todas as características técnicas para ser residencia e centro de día.

- 4ª versión: Rexeita o proxecto porque quere trasladalo agora a Parga, cando as dotacións sociais públicas deben estar no centro dos núcleos.

Un caso excepcional

“Teixido é o único Alcalde da provincia que leva 3 anos rexeitando o centro de día e residencia públicos da Deputación. Ningún outro Rexedor se opuxo a un investimento do organismo provincial no seu Concello de 1,2 millóns de euros, que potencie o benestar social e o emprego, só o fixo el. E a vista están os feitos. Estamos a construír estas dotacións na Fonsagrada, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Pol, e, proximamente, iniciaremos as de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Todo isto tras superar as trabas da Xunta que, coma Teixido, bloqueou durante anos a nosa rede pública de centros de día e residencias, ó non concedernos os permisos legais necesarios para comezar as obras”, remarcou a Deputada.

Todas as residencias e centros de día impulsados pola Deputación, de semellantes características, foron aceptadas por rexedores de Concellos de todas as cores políticas, agás Teixido. Ante esta situación, a Deputación convocou, coa de hoxe, 4 reunións da Comisión de Seguimento, da que forma parte o Alcalde, para desbloquear o proxecto.