Deputación de Lugo

A Deputación non presentará recurso algún contra o acto de conciliación cos sindicatos que se celebra hoxe

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro xa avanzou o pasado venres que o seu Goberno abonará a paga extra a todo o persoal, previos os informes legais preceptivos, coa nómina do vindeiro mes de xulloA entrada en vigor do Real Decreto Lei 20/2012, de 13 de xullo fixo que 487 traballadores perderan preto de 240.000 euros correspondentes a 44 días da paga extra de Nadal de 2012

O Goberno provincial non retrasará a devolución da parte proporcional da extra de Nadal 2012 a todos os seus traballadores mediante a interposición de ningún tipo de recurso tras o acto de conciliación que se celebra hoxe no Xulgado do Social nº1 de Lugo. Así o avanzaba o pasado venres o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, durante o acto de sinatura dun novo acordo maioritario cos sindicatos, adoptado sen ningún voto en contra, en virtude do cal o Goberno provincial comprométese a abonar a paga extra ós traballadores, “incautada polo Goberno central, presidido por Rajoy”, tal e como destacou o Presidente.

O titular provincial subliñou que, unha vez se dea a coñecer a resolución que derive do acto que se celebra esta mañá, a Deputación “abonará a paga extra a todo o persoal funcionario e laboral. Tendo en conta a xurisprudencia previa, esta resolución será tamén favorable, de xeito que previos os informes legais preceptivos en calquera administración, o abono farase efectivo coa nómina do vindeiro mes de xullo”.

Tendo en conta que o Goberno provincial abonará esta retribución a todos empregados provinciais, con independencia do seu réxime xurídico, serán un total de 487 traballadores os que percibirán preto de 240.000 euros, correspondentes ós 44 días que se lles deixaron de abonar da paga extra de Nadal de 2012 tras a entrada en vigor do Real Decreto Lei 20/2012, de 13 de xullo.

Compromiso dende 2012

O Goberno provincial amosou dende o primeiro momento o seu compromiso de facer efectiva a protección dos dereitos adquiridos polos traballadores. Deste xeito, no Pleno de setembro de 2012 formalizouse o compromiso, malia o voto en contra do PP, de buscar alternativas que permitisen facer efectivo o abono desta retribución, para o que en outubro a Deputación solicitou por escrito á Consellería da Presidencia unha resolución, acompañada dos correspondentes informes técnicos, na que se lle pedía que trasladara ó Consello Consultivo de Galicia a petición dun ditame que analizara a intención da Deputación de compensar algún xeito a paga extra ós seus empregados. Polo momento, e tal e como lembrou o Presidente a pasada semana, a Consellería de Presidencia aínda non deu resposta a dita petición.