Deputación de Lugo

Gómez Besteiro entregou o material audiovisual da Gala Lvcvs Moda 2014 a todos os profesionais participantes

- O Presidente reuniuse cos 7 deseñadores, 18 artesanos, 14 peluquerías e 25 colaboradores, ós que entregou os DVD coas fotografías e vídeos do evento realizados pola Fundación TIC, que poderán empregar como material promocional

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo unha xuntanza cos participantes na Gala Lvcvs Moda 2014, durante a que estes 7 deseñadores, 18 firmas de artesanía, 14 peluquerías e 25 entidades colaboradoras lle transmitiron as súas valoracións do evento, así como as impresións sobre o futuro do sector.

Durante este encontro, Gómez Besteiro tamén fixo entrega a todos os participantes de diverso material audiovisual, como todas as imaxes e vídeos realizados pola Fundación TIC, así como un dossier con toda a información sobre a gran cita anual da moda e do deseño lucense recollida nos medios de comunicación e redes sociais. Todo este material poderá ser empregado por todos estes profesionais como material promocional do seu traballo.

O máximo responsable provincial destacou que este evento, ademais de ter un carácter benéfico, “é unha ocasión excepcional para poñer en valor a creatividade lucense e impulsar o sector, aumentando a proxección destes profesionais para que medren as vendas, xeren novos postos de traballo, como xa ten ocorrido, e melloren a xa de por si boa valoración dos profesionais lucenses do deseño e a moda en Galicia e no resto do país”. De feito, coleccións presentes como a de Luis Areñas para Manuela López, vendeuse por completo.

Gómez Besteiro  lembrou que o sector representa preto do 14% do PIB da Comunidade e a provincia de Lugo, en particular, aglutina 25 das preto de 300 empresas galegas -30 máis que o pasado ano- que exportan ó estranxeiro.

A Gala Lvcvs Moda 2014 reuniu, o pasado 7 de maio, a máis de 400 persoas no Museo Interactivo da Historia de Lugo, co leitmotiv da Ribeira Sacra, convertíndose nun acto de apoio popular á campaña para promover a candidatura desta zona a Patrimonio da Humanidade. Ademais, foi unha velada de carácter benéfico na que se recadaron algo máis de 8.000 euros para o Fogar do Transeúnte.