Deputación de Lugo

A Pobra do Brollón, referente en lecer ecolóxico coas actividades gratuítas do Lugoteando

- De 15:00 a 20:00 horas na praia fluvial, os participantes poderán dar paseos en segway, probar o skate a motor, o longskate, os patinetes acuáticos; facer paddle-surf ou camiñar sobre a auga coas bolas acuáticas
- As actividades coas que a Deputación potencia o ocio medioambiental como oportunidade económica da provincia continuarán o 23 de agosto na praia urbana de Burela, con outras 100 prazas gratuítas que se poden solicitar en www.deputacionlugo.gal e no 982-260-147
- Xa está aberta, nas mesmas canles, a inscrición para as 400 prazas gratis dispoñibles das actividades do Lugoteando en Guitiriz, Vilalba, A Fonsagrada e Lugo

O Lugoteando chega hoxe á Pobra do Brollón. O Concello acollerá, entre as 15:00 e as 20:00 horas, as actividades lúdico-medioambientais que este programa da Deputación leva por toda a provincia. O organismo provincial, que aposta polo lecer ecolóxico como oportunidade económica, ofrece, na praia fluvial, 100 prazas para que participen persoas de todas as idades, a custe cero, nas seguintes actividades:

  • terrestres: segway, un transporte lixeiro de dúas rodas no que o usuario utiliza o peso do corpo para manexalo e que se impulsa cun motor silencioso e non contaminante; skates a motor; táboas de skateboard que contan cun motor eléctrico respectuoso co medio ambiente; ou o longskate, variante do skate, pero máis longo do habitual que se emprega normalmente para descender costas, derrapar ou simplemente como medio de transporte.
  • acuáticas: paddle-surf, forma de desprazamento na que o navegante vai cun remo sobre un táboa de surf; as bolas acuáticas, pelotas de plástico transparente coas que se pode camiñar sobre a auga; ou patinetes acuáticos, pequenas embarcacións ideais para os máis cativos.

Burela “lugotearᔠo 23 de agosto
Despois das exitosas xornadas no Valadouro e no Incio, que reuniron a preto de 170 persoas, e tras a xornada de hoxe na Pobra do Brollón, a Deputación desenvolverá, o vindeiro sábado 23, as actividades de Lugoteando en Burela. A praia urbana acollerá unha ampla oferta de actividades lúdicas, totalmente respectuosas co entorno, con outras 100 prazas gratuítas. Bolas acuáticas para flotar sobre a auga; scooters acuáticos para mergullarse como golfiños; paddle surf, que tonifica todos os músculo ó remar a bordo de táboas de surf son algunhas da actividades, que como en todos os casos están pensadas para todas as idades, e que terán lugar de 15:00 a 20:00 horas no entorno deste municipio da Costa luguesa.

Para participar é preciso inscribirse en www.deputacionlugo.gal ou no 982-260-147. Os menores de idade deberán presentar unha autorización firmada polos pais ou titores, que se pode descargar na web da Deputación. No caso de quedar prazas libres, os interesados poderán inscribirse antes de comezar as actividades no propio lugar onde se celebren.

Tamén está aberto o prazo de solicitude outras 400 prazas gratuítas (100 por Concello) para as seguintes actividades do Lugoteando nas mencionadas canles (www.deputacionlugo.gal e 982-260-147). O calendario é o seguinte:

  • 29 de agosto: Guitiriz, na praia fluvial de Parga.
  • 5 de setembro: Vilalba, no complexo da Magdalena.
  • 7 de setembro: A Fonsagrada, na Praza do Concello.
  • 6 e 7 de setembro: Lugo, na área recreativa de Los Robles.

Deste xeito, a Deputación leva o Lugoteando a todas as zonas da provincia (Sur, centro, Costa e Montaña), sendo, no seu conxunto, un total de 700 as prazas ofertadas a custe cero.

Esta é a 5ª edición desta programación, coa que a institución aposta polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando potencia o ocio medioambiental e o turismo, ó tempo que contribúe a impulsar negocios lucenses de diferentes sectores –hostalería, gastronomía, deportes e multiaventura, etc.-, mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación.