Deputación de Lugo

O Presidente adianta a creación das primeiras 21 novas empresas co Fórmate en Verde

- Son 9 de gandeiría ecolóxica en Friol, Pol, Láncara, Pedrafita, Muras, Quiroga e Cospeito; 6 de agricultura en Carballedo, Guntín, Chantada, Castro de Rei e Sarria; e 6 forestais en Guitiriz, Viveiro, Vilalba, O Saviñao e Cospeito - Gómez Besteiro avanzou que “esta é a semana do emprego. Maña aprobaremos na Xunta de Goberno 72 novas accións formativas para 1.000 desempregados lucenses” - O Presidente entregou  os diplomas ós 286 participantes nos 21 obradoiros sobre agricultura ecolóxica levados á Zona Sur co Fórmate en Verde

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entregou este xoves os diplomas ós participantes nas accións formativas celebradas no Sur da provincia co Fórmate en Verde, o programa da Deputación que xera emprego e fixa poboación no rural. Foron 286 as persoas que se beneficiaron dos 21 obradoiros sobre agricultura ecolóxica levados á zona. Os participantes recibiron gratis formación e asesoramento técnico especializado para crear novas empresas. Gómez Besteiro adiantou que, froito destes cursos, xa están en marcha as primeiras 6 novas explotacións de agricultura ecolóxica en Carballedo, Guntín, Chantada, Castro de Rei e Sarria. O titular provincial avanzou a creación na provincia doutras 15 empresas sobre gandería ecolóxica e o sector forestal co Fórmate en Verde

“Esta é a semana do emprego. Puxemos en marcha o II Campus de Emprendemento Sostible, co que ofrecemos formación gratuíta a 120 emprendedores para que poñan en marcha os seus negocios. E facémolo tralo éxito da primeira convocatoria, coa que se crearon as primeiras 7 empresas nas Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Hoxe avanzamos a creación doutras 21 empresas de agricultura e gandeiría ecolóxica, así como sobre o sector forestal, co Fórmate en Verde. Mañá aprobaremos na Xunta de Goberno 72 novas accións formativas gratuítas para máis de 1.000 desempregados lucenses co Pacto Provincial polo Emprego para facilitar a súa inserción laboral”.

21 novas empresas
As 21 novas empresas distribúense do seguinte xeito: 9 explotacións de gandeiría ecolóxica, situadas nos Concellos de Friol, Pol, Láncara, Pedrafita do Cebreiro, Muras, Quiroga e Cospeito; 6 de agricultura ecolóxica en Carballedo, Guntín, Chantada, Castro de Rei e Sarria; e 6 empresas do sector forestal en Guitiriz, Viveiro, Vilalba, O Saviñao e Cospeito. Gómez Besteiro tamén salientou que, a maiores destas 21 empresas xa consolidadas, hai outras 6 que están en proceso de formación.

Fórmate en Verde na Zona Sur
O organismo provincial centralizou as accións formativas sobre agricultura ecolóxica do Fórmate en Verde na Zona Sur, tendo en conta que nas Comarcas de Chantada ou Lemos a superficie dedicada ó cultivo é de entre o 30 e o 50%, e que Monforte acolle a sede do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. A provincia de Lugo conta con 341 dos 814 operadores inscritos no CRAEGA; é a primeira provincia galega en volume de negocio, con 9 millóns de euros, e a segunda, despois de Ourense, en canto a superficie, con máis de 6.400 hectáreas.

Formación, práctica e asesoramento
Mais de 900 persoas participaron no plan de emprego Fórmate en Verde, financiado ó 80% pola Unión Europea a través do programa medioambiental Lug02, que tivo tres eixes: formación, visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal e asesoramento técnico especializado a todos os participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal.