Deputación de Lugo

O CENTRAD amplía a oferta lúdica e formativa de verán coa actividade para rapaces Un roto para un descosido

Imaxe deputación de lugo
- O obradoiro, dirixido a mozos de 14 a 25 anos, permitiralles aprender técnicas básicas de costura para reciclar prendas de vestir e darlles o seu toque persoal
- O prazo para anotarse nas 7 prazas dispoñibles estará aberto entre hoxe e o día 30 de xuño, ambos inclusive, e a inscrición farase por rigorosa orde de solicitude
- Os Obradoiros Infantís de Artesanía, que comezan o día 30 de xuño, reeditaron o seu éxito esgotando as prazas dispoñibles ás poucas horas de abrir o prazo

O Centro de Artesanía e Deseño vén de ampliar a oferta lúdica e formativa de verán para os rapaces cunha nova actividade: Un roto para un descosido. Trátase dun obradoiro no que os participantes poderán aprender técnicas básicas de costura coas que poderán reciclar antigas prendas de roupa, adaptalas ó seu propio gusto ou incluso confeccionar complementos.

A actividade, pensada para mozos e mozas de entre 14 e 25 anos, desenvolverase no Pavillón 4 do CENTRAD, entre o 1 e o 15 de xullo, en horario de 10:30 a 12:30 horas. Os que queiran participar deberán levar con eles o equipamento básico, como agulla ou dedal.

Un roto para un descosido ofrece un máximo de 7 prazas, un grupo reducido xa que isto permite unha atención máis persoalizada. O prazo de solicitude de participación está aberto entre hoxe e o vindeiro día 30 de xuño, ambos inclusive. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e para iso, os interesados deberán presentar no Rexistro Xeral da Deputación o formulario cuberto que poderán atopar na web www.deputacionlugo.com ou nas propias dependencias do Rexistro. Máis información na citada web ou chamando ó teléfono 982 210 066.

Novo éxito dos Obradoiros Infantís
Por outra banda, os Obradoiros Infantís de Artesanía que organiza o Centrad para as écpocas de lecer escolar reeditaron unha vez máis o seu éxito, esgotando as prazas dispoñibles ás poucas horas de abrir o prazo. As actividades darán comezo o día 30 de xuño.