Deputación de Lugo

A Deputación informará mañá en Friol sobre as axudas de 1,7 millóns de euros para o sector primario

Imaxe deputación de lugo
- Santos Ramos participará na xornada das 21:30 horas no centro sociocultural friolés, na que se explicarán os requisitos e trámites de solicitude das subvencións
- Aberto o prazo para pedir axudas coas que recuperar terras abandonadas, instalar ou mellorar traídas de auga e arranxar infraestruturas de uso comunitario

A Deputación celebra este venres, 13 de xuño, ás 21:30 horas no centro sociocultural de Friol, unha xornada informativa sobre o plan de axudas de 1,7 millóns de euros en impulso do sector primario e do rural. Álvaro Santos Ramos, responsable da área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, participará na charla onde se explicarán os requisitos e trámites de solicitude das subvencións.

As liñas de actuación do plan, cuxo prazo de solicitude xa está aberto, son as seguintes:

- Recuperación de terras abandonadas. O obxectivo é mellorar a rendibilidade dos gandeiros e agricultores mediante o aumento da base territorial das explotacións, ademais de favorecer a recuperación da poboación, axudar á prevención de incendios, o control da fauna salvaxe e ordenación do territorio. Os beneficiarios destas axudas, que poderán alcanzar os 9.000 euros, deberán xustificar coa declaración da renda que o 50% dos seus ingresos procede da actividade agropecuaria. Poden solicitalas gandeiros ou agricultores a título individual; agrupacións de gandeiros ou agricultores; Sociedades Agrarias de Transformación (SATs); ou persoas xurídicas que teñan a titularidade de explotacións.

- Instalación ou mellora de traídas de auga. O organismo provincial abriu unha liña de axudas para garantir este servizo, xa que é básico, pero moi custoso. As axudas poden ser de ata 30.000 euros para instalacións dunha nova rede de abastecemento e de ata 10.000 en caso de proxectos de mellora de infraestruturas xa existentes. Os beneficiarios poden ser comunidades de usuarios, asociacións de veciños, así como comunidades de montes, sempre e cando teñan personalidade xurídica propia.

- Arranxo de infraestruturas de uso comunitario. Trátase, entre outras, de arranxo e sinalización de camiños públicos, de acceso a explotacións, terras, camiños forestais e núcleos rurais, fontes, prazas públicas, bebedoiros de uso común, depósitos contra incendios, sistemas de regadío ou limpeza de rutas de sendeirismo e sendeiros. O máximo por beneficiario será de 12.000 euros. Os beneficiarios poden ser asociacións de veciños e entidades veciñais sen ánimo de lucro, comunidades de montes, agrupacións de gandeiros e agricultores, ou de produtores forestais, e colectivos de usuarios.