Deputación de Lugo

O papel do turismo e o patrimonio como factores de crecemento económico, a debate no ciclo Galicia en clave económica

Imaxe deputación de lugo
- O Deputado Alfredo Llano participou hoxe en Ribadeo no debate El motor del turismo y el patrimonio, organizado por Deputación e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso
- Miguel Pazos Otón, Vicente Martín Egaña e Javier Goyanes analizaron dende diferentes perspectivas o papel do turismo e o patrimonio como motores da recuperación económica
- O foro conta coa participación de recoñecidos profesionais e é aberto á participación e á implicación cidadá para a busca de alternativas e solucións fronte á crise económica

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, participou hoxe no debate El motor del turismo y el patrimonio, celebrado en Ribadeo, que se enmarca no ciclo Galicia en clave económica,organizado pola Deputación de Lugo e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso. O Parador de Ribadeo acolleu dende as 19:30 horas este foro aberto e gratuíto, no que expertos procedentes de distintos ámbitos abordaron o papel que desempeñan o turismo e o patrimonio como motores da recuperación económica.

Os expertos presentes foron Miguel Pazos Otón, doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela e director do Centro de Estudios Turísticos de Galicia da USC, que actualmente centra a súa labor investigadora no desenvolvemento turístico de Galicia. Xunto a el, Vicente Martín Egaña, director xeral de Finanzas Corporativas e socio de Inversis Corporate, e Javier Goyanes, presidente de Pazos de Galicia, unha sociedade que agrupa unha vintena de pazos, casas nobres e reitorais recuperadas para o seu uso como establecementos turísticos.

Estes recoñecidos profesionais analizaron o papel do turismo e a posta en valor do patrimonio como factor de recuperación da actual crise dende diferentes perspectivas, e abordaron temas de trascendencia para o sector, e que están de plena actualidade nos últimos tempos. É o caso dos retos que presenta o plan de coordinación dos tres aeroportos galegos, ou os primeiros pasos da pioneira Axencia Galega de Turismo. Todos eles insistironen destacar que, fronte as lóxicas desvantaxes que Galicia ten con respecto a outras Comunidades no que se refire ó turismo “de sol e praia”, si conta con outras destacadas potencialidades para ofrecer un turismo alternativo e desestacionalizado, auténticos nichos de negocio, que van moito máis alá do turismo rural. Exemplos disto son o turismo de natureza; o termal; o náutico; os deportes de aventura, ou o turismo cultural, de xeito que é fundamental apostar pola recuperación e conservación do patrimonio histórico-artístico, así como do medioambiente.

O celebrado hoxe en Ribadeo é o cuarto debate aberto e gratuíto do ciclo Galicia en clave económica 2014, que ten levado diferentes foros a diversos puntos da provincia, como os que xa tiveron lugar en Monforte e Viveiro.

Este ciclo promove a busca de solucións ante a crise a través do debate entre a cidadanía. As charlas son abertas ó público e a participación gratuíta. A iniciativa afonda nas potencialidades da economía galega, os sectores emerxentes e as apostas decididas para consolidar un modelo produtivo analizando, non só a situación económica actual coa participación de expertos de renome, senón que tamén ofrecendo alternativas e solucións para saír da crise.