Deputación de Lugo

A Deputación sumarase unha vez máis ás reivindicacións da cidadanía reclamando servizos sanitarios básicos para os lucenses

Imaxe deputación de lugo
- Deputados provinciais participarán na masiva manifestación convocada pola Federación Veciñal que partirá mañá da Praza Horta do Seminario ás 20:30 horas
- O Grupo Provincial do PP votou en contra de comprometer estes servizos sanitarios para Lugo, asegurando que dotar a Lugo da mesma cobertura sanitaria que ó resto de Galicia “é discriminación positiva” e que a Xunta creará estes servizos “cando poida”

A Deputación de Lugo apoiará novamente as reivindicacións da cidadanía, apoiando a manifestación convocada para mañá pola Federación Veciñal lucense. Deputados provinciais secundarán esta manifestación, que partirá ás 20:30 horas da Praza da Horta do Seminario, para esixir unha vez máis á Xunta de Galicia que deixe de discriminar ós lucenses e dote ó hospital lugués dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, que o resto de provincias teñen dende hai tempo, e cuxa posta en marcha inmediata fora prometida por Núñez Feijóo hai xa tres anos.

Previsiblemente, esta manifestación será masiva, xa que á habitual mobilización por parte da cidadanía hai que sumar a presenza de ducias de colectivos da provincia, que xa teñen confirmado a súa asistencia.

No Pleno provincial celebrado onte, no que estiveron presentes numerosos membros da plataforma veciñal, o Grupo Provincial do PP votou en contra de comprometer estes servizos sanitarios para Lugo, proposta que foi aprobada co apoio do equipo de goberno. O Partido Popular asegurou en dita sesión que dotar ó HULA de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica 24 horas, garantindo que os veciños da provincia teñan a mesma cobertura sanitaria que os do resto de Galicia, “é discriminación positiva”, e que a Xunta creará estes servizos “cando poida”.