Deputación de Lugo

A Deputación esixe á Xunta, co voto en contra do PP, incrementar o número de camas e profesionais nos hospitais este verán

- O Partido Popular tamén rexeitou instar á Xunta a incrementar as axudas públicas para persoas en risco de exclusión e a cumprir coa Lei de Montes para previr os incendios
- O organismo provincial mantén unhas contas equilibradas e saneadas, reduce a débeda e paga máis rápido ós provedores, “sen deixar de investir en proxectos de futuro”
- O Presidente ratifica o compromiso da institución co centro de día e residencia pública de Guitiriz e cualifica de “inadmisible” que a Xunta manteña bloqueado un investimento da Deputación de 1,2 millóns de euros para servizos públicos en Barreiros

O Pleno da Deputación aprobou este martes, co voto en contra do PP, esixir á Xunta de Galicia que incremente o número de camas operativas e a contratación do persoal a suplir nos hospitais galegos este verán. Os votos de PSOE e BNG foron suficientes para aprobar a moción do Goberno Provincial en rexeitamento ó histórico peche de 1.200 camas que impón o Executivo galego, o dobre que no 2010, cando foron 588. Esta imposición suporía o peche de 150 camas en Lugo: 28 no Hospital Comarcal de Monforte, 92 no Hula e 30 no da Costa.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “o peche desmesurado de camas esconde, baixo unha decisión aparentemente administrativa, unha volta de rosca máis do PP cara á desmantelamento da Sanidade Galega de carácter público. Resulta evidente, que se non se consegue satisfacer a demanda dos usuarios do SERGAS debido ó desmesurado número de peche de camas, os únicos beneficiados serán as entidades concertadas, que verán como incrementan o seu volume de negocio. Esta perversión, súmase á errática política encuberta levada a cabo, tanto dende os gobernos de Mariano Rajoy como de Feijóo, de non contratar persoal para suplir o aumento de permisos vacacionais dos profesionais sanitarios. Así, ademais de infrautilizar un servizo básico para a cidadanía, como é o acceso á sanidade, a Xunta renuncia á creación de emprego”.

Axudas para persoas en risco de exclusión social
O Partido Popular tamén votou en contra da moción do Goberno Provincial, aprobada cos votos de PSOE e BNG, que esixe á Xunta de Galicia que axilice a tramitación e incremente as axudas públicas para persoas en risco de exclusión social. Esta iniciativa xorde logo de constatar retrasos de ata 8 meses na concesión das axudas Rendas de Integración en Galicia (RISGSA) e Axudas de Emerxencia Social (AES). O Valedor do Pobo alertou que este ano se produciu un aumento nas solicitudes de ditas axudas sociais e medrou o número de queixas ó seu respecto. Caritas constatou que a pobreza infantil en Galicia pasou do 16% ó 22%, que 30.000 fogares non teñen ingresos e que 465.000 galegos viven baixo o limiar da pobreza.

Tampouco se acadou o apoio do PP na proposta do Goberno Provincial para que a Xunta cumpra coa Lei de Montes que aprobou no 2012 e desenvolva plans de distrito e deslinde co fin de previr incendios logo de que no 2013 ardesen máis de 16.200 hectáreas en Galicia.

Datos económicos
Deuse conta á sesión da última información económica do organismo provincial. O Presidente informou que “a Deputación de Lugo cumpre co principio de Estabilidade Orzamentaria. É dicir, non gastamos máis do que ingresamos, a pesares de non deixar de investir, demostrando, pola vía dos feitos, que é compatible investir en proxectos de futuro cunha boa xestión económica. Sen acudir a ninguna operación de crédito, mantendo as contas da Deputación saneadas e equilibradas, financiamos en solitario, con recursos propios, iniciativas de gran envergadura. Por exemplo, o 1º centro de recría público en España de gando vacún, ou a 1ª rede pública de residencias e centros de día na provincia”.

Gómez Besteiro engadiu que “ó mesmo tempo, a de Lugo mantense á cabeza das Deputacións de España con menos débeda, ocupando o 8º posto. Somos a Deputación de Galicia que menos débeda ten. Segundo datos do Ministerio de Facenda, rematamos 2013 cunha débeda de 31 millóns de euros, fronte ós 67 millóns da de Pontevedra, 45 da de Ourense e 43 da Coruña. Este Goberno Provincial rebaixou a débeda da Deputación en 92 millóns de euros, pasando dos 123 millóns do 2007 ós 31 de 2013. En contraposición, a Xunta, que contaba cunha débeda de 3.000 millóns de euros, incrementouna ata os 9.900 millóns de euros en só 5 anos, é dicir, triplicou, tendo xa máis débeda que orzamento. Este ano, xa aprobamos unha amortización anticipada de débeda de 13,3 millóns de euros, mellorando as nosas previsións, con respecto á aprobación do Orzamento de 2014. Isto suporá que o nivel de endebedamento da Deputación se sitúe nos 24 millóns de euros ó remate deste exercicio. O noso obxectivo é rebaixar aínda máis a débeda este mesmo ano e acadar a débeda cero no 2016”.

Sobre o pago a provedores, apuntou que “a Deputación rematou 2013, cunha media de pago de 8 días, dende que se conforma a factura ata que se paga. O periodo medio de pago no 1º trimestre de 2014 é o seguinte: Deputación 11 días; Consorcio Provincial de Bombeiros 6 días; Suplusa 11 días e Fundación TIC 14 días. É dicir, o prazo medio de pago ós provedores da Deputación no primeiro trimestre de 2014 é de 11 día; moi por debaixo do que esixe a Lei contra a Moridade, que son 30 días, e ben lonxe dos 6 meses que se tardaba no 2007, coa dereita gobernando esta institución”. 

Centro para maiores de Guitiriz
O Presidente remarcou que “a Deputación segue comprometida co proxecto de construción do centro de día e residencia pública de Guitiriz. Non vamos a renunciar a el, nin imos permitir intoxicacións”. Gómez Besteiro quixo ratificar este compromiso logo de que o PP rexeitase unha enmeda do Goberno Provincial á unha das mocións populares para que Teixido retire o escrito que entregou no organismo provincial, prohibindo a rehabilitación da Casa da Botica (fíxoo no 2011, logo de que a Xunta se amosase disposta a colaborar cunha macroresidencia privada neste municipio); e para que o Concello de Guitiriz realice as modificacións urbanísticas necesarias para manter o proxecto inicial e os obxectivos do convenio, tanto as prestacións urbanísticas como cualitativas, as cales poderán ser melloradas pero nunca diminuídas; así como que execute o convenio para poder iniciar as obras, ademais de solicitar á Xunta que concerte prazas de usuarios.
Barreiros
Sobre a mellora de dotacións públicas en Barreiros, o Presidente remarcou que “é inadmisible que a Xunta manteña bloqueado un investimento da Deputación de 1,2 millóns de euros para servizos públicos en Barreiros”. Gómez Besteiro fixo estas declaracións tras o debate dunha moción do PP sobre o proxecto de mellora da vía do litoral de Barreiros, que o Partido Popular deseñou, estando á fronte da institución, sen contar co orzamento e os terreos imprescindibles para poder executalo. “Deixaron unha operación de crédito de 50 millóns de euros. Non a aprobaron, se o fixeran, incrementarían a débeda da Deputación nun 125%. Tampouco fixeron as expropiacións previas que establece a Lei”, aclarou o titular provincial. Pola contra, o actual Goberno Provincial mellorou os accesos á praia das Catedrais, achegando máis de 500.000 euros, e executa agora un plan de mellora dos 4.200 quilómetros de rede viaria provincial. Ademais, mantén o seu compromiso de colaborar coa dotación dun aparcadoiro na zona, proxecto que mantén paralizado Costas.