Deputación de Lugo

A Deputación organiza o II Encontro de Cociña Solar da Provincia logo do éxito da primeira edición

Imaxe deputación de lugo
- O ente provincial repite esta actividade formativa e medioambiental gratuíta despois da grande acollida do ano pasado
- Dende o organismo apóianse este tipo de iniciativas que gozan dunha moi boa aceptación nos países máis comprometidos coas políticas medioambientais limpas
- O encontro celebrarase o vindeiro sábado 21 de xuño a partir das 10:00 horas no Centro de Interpretación Terras do Miño

A Deputación de Lugo, dentro da súa política de concienciación e respecto polo medio ambiente, organiza o II Encontro de Cociña Solar da Provincia, que se celebrará o sábado día 21 de xuño nas instalacións do Centro de Interpretación Terras do Miño e que se desenvolverá dende ás 10:00 horas ata ás 18:00 horas. A finalidade da actividade é amosarlles ás luguesas e ós lugueses unha nova maneira de aproveitar as enerxías renovables, neste caso, para cociñar. A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovable, Sonsoles Izquierdo, e o director de Ouvirmos, Xosé M. Aldea, organizan esta orixinal actividade, totalmente gratuíta para os participantes.

Sonsoles López Izquierdo salientou que “estes fornos son económicos, non contaminan e fomentan o uso das enerxías renovables. Isto converte á cociña solar nunha interesante alternativa e complemento ás cociñas tradicionais”. A Deputada tamén quixo remarcar que “esta iniciativa debe ser fomentada polas institucións públicas, xa que os países máis industrializados afrontan graves problemas ambientais producidos, en grande medida, polo alto consumo enerxético”.

Que é a cociña solar?
A cociña solar é un aparello que permite cociñar alimentos empregando o calor dos raios do sol como fonte de enerxía. Este novo utensilio é económico e respectuoso co medio ambiente. O responsable desta iniciativa é o Enxeñeiro e Profesor do Instituto Superior de Engenharia da Universidade do Algarve, Celestino Rodrigues Ruivo, unha das máximas autoridades no campo da cociña solar no país luso. Dende 2006, Celestino Rodrigues vén promocionando esta tecnoloxía limpa a través de actividades formativas e de divulgación en países como Portugal, Brasil e España. Logo do éxito do primeiro encontro de cociña solar da provincia, na que se cubriron todas as prazas en moi pouco tempo a Deputación, xunto coa asociación Ouvirmos volven traen á cidade de Lugo esta actividade.

Horario da actividade
O evento celebrarase o vindeiro sábado día 21 de xuño nas instalacións do Centro de Interpretación Terras Do Miño. Ás 10:00 horas é a recepción dos participantes e a montaxe das cociñas solares, que contará coa axuda do experto da materia, o profesor e enxeñeiro portugués, Celestino Rodrigues. Ás 11:30 horas comeza o obradoiro para construír as cociñas solares, características polo seu baixo custe a súa alta eficacia. Esta actividade, que está dirixida a un máximo de 20 persoas, estará a cargo do profesor Celestino Rodrigues. Ás 14:00 horas será o xantar, no que os integrantes do obradoiro poderán comer os alimentos elaborados nestes fornos. Pola tarde, cara ás 16:00 horas, o obradoiro de elaboración continuará para rematar as cociñas solares que os participantes comezaron a construír pola maña.

A modo de peche, ás 17:00 horas dará comezo unha conferencia sobre o tema, aberta á todos os públicos e onde se falará dos diferentes tipos de cociña solar e cales son as súas vantaxes. É importante salientar que durante toda a xornada haberá unha exposición pública e permanente de fornos solares en funcionamento aberta a todos os públicos.