Deputación de Lugo

A Deputación ofrece en Lugo durante este verán dúas novas exposicións gratuítas

- Regina Polín inaugurou este mércores a mostra Lo Sexual y Lo Sagrado, que reúne preto de 40 pezas do artista galego José Ortiz na Capela de Santa María- A Deputada tamén presentou os traballos de cerámica das alumnas do curso que impartiu Francisco Xosé Pérez Porto e que estarán expostas no pavillón 4 do CENTRAD

A responsable provincial da área de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este mércores as novas exposicións, abertas ó público e de acceso gratuíto, que a Deputación ofrece durante este verán na capital luguesa.

A Capela de Santa María acolle a mostra Lo Sexual y Lo Sagrado do artista galego José Ortiz, que por primeira vez expón o seu traballo en Lugo. Reúne unhas corenta pezas de poliéster, madeira, latón, pan de ouro, recortes de prensa, óleo, bronce, pedra, gres, ferro, lapis pastel, lapis sobre taboleiro, etc. Ortiz explicou que “a temática sexual define esta exposición, coa que trato de liberar ó sexo dos seus medos e situalo nun lugar que lle outorgue o respecto que se lle nega”. O artista emprega a arte erótica como revulsivo, “deixando de lado o tabú ou o problema do sexo na sociedade”. Pretende que “as súas obras despexen a controversia do que é correcto e o que non, do que é bo e do que é malo”, ó tempo que persegue espertar provocación e reflexión dos visitantes.

A peza clave de Lo Sexual y Lo Sagrado é o Becerro de Ouro, elaborado con poliéster, madeira, latón, pan de ouro e recortes de prensa, que representa a idolatración. Ortiz relaciona, todas as pezas da colección, coa relixión, o eido místico e o ascetismo.

Esta mostra estará aberta ata o 31 de agosto, co seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é completamente gratuíta.

Cerámica no CENTRAD

Regina Polín tamén inaugurou hoxe a nova exposición, que acolle o pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño. Reúne preto dunhas 50 pezas de cerámica, elaborada polos alumnas do curso de iniciación a esta disciplina, que ofreceu a Deputación e que impartiu Francisco Xosé Pérez Porto, figura clave na cerámica galega, ademais de músico. Esta mostra estará aberta ata finais de agosto, de luns a venres, de 09:00 a 19:00 horas. A entrada é de balde.