Deputación de Lugo

A Deputación ofrece 100 prazas gratuítas para “lugotear” en Burela este sábado

- Aberto o prazo de solicitudes para as actividades lúdico-deportivas gratuítas que a institución leva o sábado 23 de agosto á localidade mariñana. Máis información e inscricións en www.deputacionlugo.gal e no 982-260-147
- De 15:00 a 20:00 horas na praia urbana, os participantes poderán practicar surf; paddle-surf; camiñar sobre a auga en bolas acuáticas; experimentar a sensación de deslizarse sobre as ondas co simulador de surf, ou realizar xiros e maniobras co gyroboard

Tras o éxito acadado no Valadouro, O Incio e A Pobra do Brollón, coa participación de preto de 250 persoas, a Deputación leva a Burela, o sábado 23 de agosto, as actividades lúdico-deportivas gratuítas do Lugoteando, pensadas para todos os públicos. O organismo provincial ofrece outras 100 prazas para participar nas actividades coas que a Deputación potencia o ocio medioambiental como oportunidade económica da provincia. Os interesados xa poden inscribirse para participar, a custe cero, en www.deputacionlugo.gal ou ben no 982-260-147.

O escenario será nesta ocasión a praia urbana de Burela, que acollerá, de 15:00 a 20:00 horas, as seguintes actividades lúdicas, totalmente respetuosas co entorno:

  • acuáticas: surf, deporte que consiste en manter o equilibrio de pé sobre unha táboa  que é arrastrada a gran velocidade por unha onda que rompe; paddle surf, forma de desprazamento na que o navegante vai cun remo sobre un táboa de surf ou bolas acuáticas, pelotas de plástico transparente coas que se pode camiñar sobre a auga.
  • terrestres: simulador de surf, que permite experimentar dun xeito dinámico a sensación de surf e que serve para aprender os primeiros pasos do equilibrio nunha táboa grazas a unha corrente de auga; colchonetas ou gyroboard, un monopatín estático co que realizar diversos xiros e maniobras.

Próximo destino: Guitiriz
A praia fluvial de Parga, no Concello de Guitiriz, recibirá o vindeiro venres 29 de agosto as actividades do Lugoteando da Deputación. Outras 100 persoas de todas as idades poderán gozar dunha ampla oferta de actividades gratuítas terrestres e acuáticas, coas que a Deputación potencia o lecer ecolóxico, e que terán lugar de 15:00 a 20:00 horas no entorno deste municipio chairego.

Para participar só é preciso inscribirse en www.deputacionlugo.gal ou no 982-260-147. Coma sempre, os menores de idade deberán presentar unha autorización firmada polos pais ou titores, que se pode descargar na web citada. No caso de quedar prazas libres, os interesados poderán inscribirse antes de comezar as actividades no propio lugar onde se celebren.

Tamén está aberto o prazo de solicitude doutras 300 prazas gratuítas (100 por Concello) para as próximas citas do Lugoteando nas mencionadas canles (www.deputacionlugo.gal e 982-260-147). O calendario é o seguinte:

  • 5 de setembro: Vilalba, no complexo da Magdalena.
  • 7 de setembro: A Fonsagrada, na Praza do Concello.
  • 6 e 7 de setembro: Lugo, na área recreativa de Los Robles.

Deste xeito, a Deputación achega o Lugoteando a todas as zonas da provincia (Sur, centro, Costa e Montaña), sendo, no seu conxunto, un total de 700 as prazas ofertadas a custe cero.

Esta é a 5ª edición desta programación, coa que a institución aposta polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando potencia o ocio medioambiental e o turismo, ó tempo que contribúe a impulsar negocios lucenses de diferentes sectores –hostalería, gastronomía, deportes e multiaventura, etc.-, mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación.