Deputación de Lugo

Meira acolle a XXIII edición da 1º Festa da Malla que xurdiu en Galicia, coa colaboración da Deputación

- A Vicepresidenta Segunda e o presidente da Asociación Amigos da Malla de Meira presentaron a nova convocatoria desta cita, declarada Festa de Interese Turístico Nacional no 2006, que terá lugar o vindeiro 24 de agosto, na Praza Maior de dita vila chairega- Os propios veciños encargaranse da malla dos 3.000 m2 de trigo sementados para a ocasión, recreando a evolución deste labor labrego. Comezarán os traballos a man e irán incluíndo apeiros, ata a chegada da malladora - Mostras de maquinaria e artesanía, degustacións de buñuelos, xantar típico con prezos populares, queimada e música da banda de Meira son algunhas das actividades desta cita

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o presidente da Asociación Amigos da Malla de Meira, Manuel Pardo, presentaron este martes a XXIII Festa da Malla. É a primeira cita destas características que xurdíu en Galicia, xa hai 23 anos, dando paso a outras convocatorias na Comunidade e acadando a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional no 2006. O colectivo meirense, coa colaboración da Deputación de Lugo, organiza unha nova edición deste festexo, o domingo 24 de agosto, na Praza Maior de dita vila chairega.

Méndez destacou que “este tipo de iniciativas poñen en valor a historia e etnografía da provincia e recuperan a tradición galega, ó tempo que serven de reclamo turístico para os visitantes. A Deputación colabora co impulso destas citas, posto que contribúen a dinamizar a economía da zona”. Pola súa banda, Pardo agradeceu a colaboración da Deputación.

Para a realización da festa, sementáronse uns 3.000 metros cadrados de trigo. Varios veciños encargaranse da súa malla durante todo o día. Comezarán traballando a man e irán incluíndo ferramentas ata a chegada da malladora. É dicir, as recreacións deste tipo de labor labrego tradicional evolucionarán na medida en que evolucionaron os apeiros.

Máis actividades
O centro desta vila chairega acollerá as exposicións de maquinaria antiga e de artesanía, onde se reunirán máis de 40 artesáns, a maioría da provincia luguesa. Esta xornada estará amenizada pola banda de gaitas e o grupo de pandereteiras de Meira, a banda de música da escola municipal, o grupo Muralla e o grupos Os Valuros. Nesta cita etnográfica, tamén ten cabida unha degustación gratuíta de buñuelos e viño, a partir das 12:30 horas do mediodía. Logo, haberá un xantar típico da malla, con prezos populares. O broche de ouro porao unha queimada.

Acompañaron hoxe a Lara Méndez e Manuel Pardo durante presentación desta cita, outros catro membros da Asociación Amigos da Malla de Meira: Mónica Folgueira, Manuel Ferreiro, José Palacios e Domingo Doval.