Deputación de Lugo

Os veciños dos 67 Concellos poden participar xa e ata setembro na elaboración dos orzamentos da Deputación dende Internet

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación manterá operativo o portal www.orzamentosparticipativos.org ata o 10 de setembro, incrementando o prazo para que os lucenses maiores de 16 anos opinen sobre as prioridades do presuposto da institución para 2015 - Poden opinar dende xa e ata dita data, todos os cidadáns, independentemente da celebración das xuntanzas participativas nos 9 partidos xudiciais

A Deputación convida ós lucenses maiores de 16 anos a participar na elaboración dos presupostos para 2015 a través de www.orzamentosparticipativos.org. Este portal, en funcionamento dende finais de xuño, estará operativo ata o 10 de setembro. Increméntase, deste xeito, o prazo para que os veciños opinen sobre cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da institución dende Internet. Poden facelo, dende xa e ata entón, os cidadáns dos 67 Concellos, independemente da celebración das xuntanzas participativas nos 9 partidos xudiciais.

É dicir, aínda que xa tiveron lugar as xuntanzas participativas da Fonsagrada, Viveiro e Chantada, os veciños dos municipios que integran estes partidos xudiciais poden seguir opinando neste portal web. Tamén o poden facer dende xa os cidadáns dos Concellos que forman parte dos partidos xudiciais de Vilalba, onde hoxe ten lugar a xuntanza participativa, así como dos de Sarria, Monforte, Becerreá, Mondoñedo e Lugo, onde, ó longo deste mes,  se celebrarán ditos encontros.

Polo tanto, ata setembro, os veciños opinarán sobre as súas prioridades a través de 3 canles de participación: xuntanzas participativas nos partidos xudiciais (sendo a última o 31 de xullo, manténdose o calendario), redes sociais e portal www.orzamentosparticipativos.org. En base ó manifestado polos cidadáns, unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Posteriormente, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno Provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.