Deputación de Lugo

A Deputación impulsa os produtos autóctonos e a Ribeira Sacra na Feira de Santos de Monterroso


- O organismo provincial, que conseguiu ao redor de 42.000 sinaturas para apoiar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, leva o Barco Muralla ao Concello para seguir recabando máis apoios
- Gómez Besteiro destacou que a festa supón un revulsivo económico para o Concello e para a provincia, pois en edicións anteriores desta xornada chegaron a reunirse ata 200.000 persoas
- Na cita achegarase aos produtores da zona a plataforma web da Deputación www.losproductosdelugo.com, co fin de abrir novos mercados e aumentar os beneficios

A Deputación de Lugo impulsa os produtos autóctonos e recolle sinaturas a favor da Ribeira Sacra na tradicional Feira de Santos de Monterroso, para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e achegar aos produtores locais a plataforma web losproductosdelugo.com, co fin de abrir novos mercados ás PEMES e autónomos da provincia e aumentar deste xeito os seus beneficios. Así o manifestou o Presidente da Deputación quen salientou que “a plataforma de comercio electrónico da Deputación é a única das súas características na comunidade galega porque ofrece en exclusiva produtos autóctonos e de calidade, e as empresas adheridas non teñen que asumir ningún custe”.

A Deputación de Lugo levará ata o Concello, aproveitando a afluencia de visitantes, o Barco Muralla da Deputación. Con esta inciativa amplíase a oferta lúdica da cita e búscase recabar máis apoios á candidatura da Ribeira Sacra a Patrominio da Humanidade promocionando tamén os produtos autóctonos e a riqueza natural da provincia. Ata o de agora, a través de diferentes campañas, xa son máis de 42.000 as sinaturas recollidas para apoiar esta candidatura, e búscase chegar con esta cita ás 45.000. O Barco Muralla do organismo provincial, enmarcada dentro do programa Lug02 do organismo provincial, haberá tamén unha degustación de produtos típicos da provincia elaborados por produtores lucenses.

Na xornada participan unha media de 1.000 profesionais que poñen á venda exemplares de gando, produtos autóctonos, artesanía ou maquinaria agrícola, entre outros. Gómez Besteiro destacou o revulsivo económico que supón para o Concello e a provincia a celebración desta xornada, na que, en edicións pasadas, se reuniron ata 200.000 persoas.

No que vai de ano, o Barco Muralla recibiu máis de 11.000 persoas nas visitas que realizou aos Concellos, durante a celebración de recoñecidos eventos de interese turístico, como por exemplo a Festa da Castaña e do Queixo na Ulloa, o San Froilán, As San Lucas en Mondoñedo, ou as patronais de Monforte de Lemos e A Fonsagrada.