Deputación de Lugo

Últimos días para solicitar as 50 bolsas Leonardo da Deputación coas que lucenses titulados farán prácticas en Europa

Imaxe deputación de lugo
- Os interesados poden inscribirse e atopar máis información en www.deputaciónlugo.gal. O prazo rematará o vindeiro 7 de outubro
- Os solicitantes das bolsas deberán ser lucenses menores de 35 anos con titulacións relacionadas coa agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida

A Deputación mantén aberto o prazo para solicitar as 50 bolsas Leonardo da Vinci coas que mozas e mozos lucenses poderán realizar prácticas en empresas europeas a custe cero. O prazo para inscribirse estará aberto ata o vindeiro día 7 de outubro en www.deputacionlugo.gal, no que tamén se pode atopar información adicional. As bolsas están dirixidas a menores de 35 anos titulados en áreas como agricultura, silvicultura, pesca, medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida.

As bolsas, a custe cero para os beneficiarios, están cofinanciadas con fondos europeos, e contan cunha achega de 231.000 euros financiada nun 70% pola Unión Europea e nun 30% pola Deputación. Deste xeito, o organismo provincial asume os gastos de desprazamento, aloxamento, manutención, transporte local e os cursos de idiomas.

Esta programación de becas mellora a formación dos participantes, con prácticas en prestixiosas empresas de Europa que facilitan a súa inserción laboral de volta no país. Teñen unha duración de 3 meses e medio, durante os que os lucenses seleccionados realizarán cursos de idiomas e farán prácticas en recoñecidas entidades, vencelladas coas súas profesións, en países como Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda, entre outros. Ademais, durante todo este proceso contarán cun titor que fará un seguimento continuado da formación do bolseiro.

Con esta convocatoria, xa son 310 bolsas Leonardo que a Deputación de Lugo ofreceu nos últimos 3 anos, apostando deste xeito pola formación dos lucenses para buscar novas oportunidades de futuro e mellora a incorporación ao mercado laboral.