Deputación de Lugo

Campo e montaña. Posta en valor da paisaxe, a debate na Fonsagrada

- O Presidente inaugurou un novo encontro do ciclo Galicia en clave económica, organizado por Deputación e Economía Dixital, coa colaboración do grupo El Progreso, no que participaron os expertos Isabel Aguirre de Urcola e Juan Marcos Pérez Gulín - Gómez Besteiro destacou o papel do patrimonio natural como un importante “recurso de xeración de riqueza, de creación de postos de traballo e fixación de poboación no rural” - O Presidente avogou por un aproveitamento económico e sostible da paisaxe e por unha lexislación que non se limite a medidas “simplistas” e “curtoplacistas” como as que recolle o Anteproxecto de Lei de Solo de Galicia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou un novo debate do ciclo Galicia en clave económica, organizado pola Deputación de Lugo e Economía Dixital, coa colaboración do grupo El Progreso, e que se celebrou hoxe no Salón de Actos dos Chaos, na Fonsagrada. O debate contou coa presenza dos expertos Isabel Aguirre de Urcola, arquitecta, urbanista e paisaxista, responsable da Fundación Juana de Vega e cuxo traballo foi recoñecido co Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Vega; e Juan Marcos Pérez Gulín, economista e director da Fundación Galicia Sustentable.

O eixe central deste debate, baixo a denominación “Campo e montaña: posta en valor da paisaxe”, foi o papel do patrimonio natural como motor de desenvolvemento económico de Galicia, así como a necesaria posta en valor do mesmo para o desenvolvemento rural. Neste sentido, Gómez Besteiro avogou por unha concepción da paisaxe como “marco condicionante do benestar social, un importante recurso de xeración de riqueza e, polo tanto, de creación de postos de traballo e fixación de poboación no rural”.

Para iso, o Presidente destacou o papel protagonista que as administracións deben adoptar á hora de “poñer en marcha políticas públicas específicas e concretas, encamiñadas á protección, xestión e ordenación da paisaxe”, sen que para iso as posibles limitacións que implique tal protección “vaian en detrimento das condicións de vida da poboación, provocando posibles desigualdades”. Gómez Besteiro fixo referencia a estratexias que permitan unha utilización económica do patrimonio medioambiental e paisaxístico de xeito sostible, como o turismo desestacionalizado de natureza, “que se convirta en continuo potencial de desenvolvemento económico para o rural”.

O Anteproxecto de Lei do Solo, “simplista e curtoplacista”
Na súa intervención, o Presidente avogou tamén porque a lexislación que asegure ese aproveitamento económico “non supoña, baixo ningún concepto, a degradación da paisaxe”, pero tamén que non se limite a medidas que calificou de “simples” e “curtoplacistas”, como o endurecemento das sancións por construcións sen rematar que recolle o recente Anteproxecto de Lei de Solo de Galicia, “sancións que, por certo, xa recollía a Lei de 2002”; o recoñecemento dunha única categoría de solo, o rural, trala eliminación da protección das categorías agropecuaria, forestal ou paisaxística, ou a “retirada encuberta de competencias sobre solos rústicos aos pequenos concellos, ata anular practicamente a súa capacidade de decisión”.

“Neste caso, coma noutros, hai que ser máis ambiciosos e lexislar de xeito que aseguremos unha boa integración da paisaxe nas políticas de ordenación urbanística e do territorio”, ademais de concienciar á cidadanía acerca “da importancia da súa colaboración para preservar o patrimonio natural”, sentenciou.