Deputación de Lugo

Gómez Besteiro inaugura na Capela de Santa María a primeira gran mostra sobre o franciscanismo en Galicia

- A pegada de San Francisco en Galicia reúne 40 pezas entre as que destacan incunables de gran valor: a Biblia Políglota de Cisneros, do século XVI; a Cosmografía de Pomponio, do XV, ou a Biblia de Nicolás de Lira, do mesmo século - A mostra permanecerá aberta ata o 31 de outubro de 2014. As seguintes paradas serán a Igrexa de Santa María do Real do Cebreiro e a Hospedaría de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela- Os horarios de visita son os habituais: de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas A entrada é completamente gratuíta.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este mércores na Capela de Santa María a que é a primeira gran mostra da historia da Orde de San Francisco en Galicia, e da pegada desta nas diferentes manifestacións artísticas do país.

No acto de presentación, no que tamén estiveron presentes o Deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e o Ministro da provincia de Santiago da Orde franciscana, José Antonio Castiñeira, o Presidente destacou que “esta exposición é unha oportunidade única para descubrir a influencia que no pensamento occidental tivo o nacemento da orde franciscana, non só durante a Idade Media e o Renacemento, senón tamén na Idade Moderna”, facendo fincapé en aspectos como a pedagoxía, o pensamento filosófico e as manifestacións artísticas.

Gómez Besteiro tamén subliñou o feito de que a Capela de Santa María sexa capaz de “acoller exposicións de natureza ben diferente, outorgándolles un valor engadido, un carácter propio que poucos espazos expositivos na nosa provincia son capaces de ofrecer”. De feito, a Deputación vén de clausurar dúas exitosas mostras de vangarda e de natureza ben distintas á que hoxe se inaugurou, como O barguenho das santas, que reuniu por primeira vez mobles e obxectos cotiás pintados por Murado, e Lo sexual y lo sagrado, de José Ortiz, que sumaron máis de 2.000 visitas.

40 pezas históricas
Esta mostra exporá por primeira vez de xeito conxunto obxectos moi variados, dende documentos ata relicarios, prendas, pinturas e esculturas, coas que o visitante poderá facer un percorrido polas pegadas históricas da orde de San Francisco en Galicia. Trátase de 40 pezas procedentes do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela, tanto do Arquivo coma da Biblioteca e do Museo de Terra Santa; do Santuario de Santa María do Real e das parroquias do Temple  e de Veiga das Forcas, de Pedrafita do Cebreiro, xunto con outros procedentes do Museo Catedralicio de Lugo.

Entre estas destacan xoias como os valiosos incunables: un dos poucos máis de cen exemplares que se coñecen da Biblia Políglota de Cisneros, do século XVI; a de Nicolás de Lira, do século XV, ou a Cosmografía de Pomponio, deste mesmo século. Outros dos obxectos que destacan polo seu valor histórico e artístico son algúns testamentos orixinais do século XVI; relicarios do hábito de San Francisco ou do Lignum Crucis, así como diferentes obras de imaxinería relixiosa.

A mostra completarase coa celebración dunhas xornadas sobre o Santo Grial, que se celebrarán en vindeiras datas na cidade de Lugo e no Cebreiro, lugar que garda unha estreita relación con esta tradición e que abordarán a intensa pegada desta tradición na antropoloxía, a literatura, a música ou a historia.

Horarios da exposición

A pegada de San Francisco en Galicia inaugurarase o día 3 de setembro e permanecerá aberta ata o 31 de outubro de 2014. A seguinte parada será a Igrexa de Santa María do Real do Cebreiro a partires do 6 de novembro para rematar na Hospedaría de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela dende o 12 de decembro. En canto ós horarios de visita na Capela, son os habituais: de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas A entrada é completamente gratuíta.